As traballadoras de Bershka continúan coa folga indefinida en Pontevedra

Anuncian que volverán mobilizarse este venres diante da sede de Inditex en Arteixo.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 02/11/2017 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

O cadro de persoal de Bershka na provincia de Pontevedra ratificou na asemblea celebrada este mércores continuar coa folga ao considerar insuficiente a proposta da empresa, que se nega a equiparar salarialmente as traballadoras pontevedresas coas da Coruña. Deste xeito, o paro indefinido chegou este xoves ao seu oitavo día cun seguimento do 100% e co peche das cinco tendas da provincia, mentres que este venres as empregadas volverán mobilizarse diante da sede de Inditex en Arteixo.

Asemblea das traballadoras de Bershka
Asemblea das traballadoras de Bershka | Fonte: CIG

 

Segundo informa a CIG, a decisión de seguir coa folga foi adoptada por unanimidade do persoal de Bershka na asemblea celebrada no local da CIG de Vigo, na que se analizou a proposta da empresa e se decidiron as próximas mobilizacións a desenvolver. As traballadoras consideran insuficiente a proposta económica de Bershka, que accedeu a abonarlles o plus de 80 euros do que gozan as súas compañeiras da Coruña pero non así o de 50 euros. "Durante a negociación, a parte social amosouse disposta a rebaixar a cantidade á metade (25 euros) para desbloquear o conflito, máis a dirección ofreceu unicamente 10 euros", apunta este sindicato nun comunicado.

Tamén suliña que nas outras cuestións que se reclamaban (aumento do tempo de descanso, lactancia, vacacións, licenzas e permisos, incapacidade permamente, etc.) si que foi posíbel o acordo, pero as conversas roméronse ante a negativa da empresa a equiparar salarialmente ao persoal das distintas provincias. De feito, aínda non hai data para retomar os contactos, polo que as afectadas solicitaron a mediación do AGA.

Mobilización na Coruña

Ao mesmo tempo, na asemblea as traballadoras tamén decidiron que volverán este venres día 3 a mobilizarse diante da sede central de Inditex, grupo téxtil ao que pertence Bershka, en Arteixo a partir das 12.00 horas.

Folga das traballadoras de Bershka, do grupo Inditex, na provincia de Pontevedra
Folga das traballadoras de Bershka, do grupo Inditex, na provincia de Pontevedra | Fonte: CIG

O luns pasado xa se desprazaran até a localidade coruñesa para desenvolver unha concentración na empresa propiedade de Amancio Ortega, tras o que recibiron a chamada da dirección para manter unha xuntanza, que se celebrou ao día seguinte e que rematou sen acordo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta