Galicia segue seca a pesar da chuvia destes días

A alerta por seca xa afecta a sete zonas da Coruña e Pontevedra e continúa activada na demarcación Miño-Sil. O Lérez súmase aos sistemas de Galicia-Costa con este aviso, após o cuarto outubro máis seco da serie histórica no país.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2017 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

Choveu en Galicia estes días. Pero foi unha chuvia feble que non servíu, aínda para sacar a Galicia da maior seca que sufre en anos. A oficina técnica da seca decidiu este venres propor a extensión da alerta á zona do río Lérez e ría de Pontevedra, co que xa serán sete os subsistemas da conca hidrográfica Galicia-Costa nesta situación (de 19 existentes). Pola súa banda, toda a demarcación Miño-Sil continúa coa activación deste aviso.

Seca, no encoro de Portomarín (Lugo)
Seca, no encoro de Portomarín (Lugo) | Fonte: Europa Press

En declaracións aos medios de comunicación nun receso da reunión da oficina da seca, o director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, indicou que  precipitacións caídas estes dous últimos días non supoñen un "cambio de tendencia", nin sequera van ter un impacto "significativo" nos rexistros. Por iso, apelou a comprobar se o mes de novembro se comporta con normalidade, como as previsións indican, pero chamou a atención sobre que a administración debe ir actuando de maneira preventiva.

De aí a recomendación de estender a alerta á zona do Lérez, para o que Augas convocará aos concellos afectados a unha reunión de coordinación, para avaliar as medidas adoptadas até agora e valorar "novas" decisións en aras dunha mellor xestión dos recursos.

"EMPEORAMENTO XENERALIZADO"

O pasado mes catalogouse xa como o cuarto outubro máis seco da serie histórica en Galicia, e iso implicou un "empeoramento xeneralizado" da situación de seca, "máis rechamante" dada a época, na que é habitual que chova. Rodríguez sinalou que prosegue a tendencia "negativa" e a diminución do nivel de caudal dos encoros e ríos. O dos encoros de Galicia atópase nun 42% e, máis especificamente, o de Galicia-Costa está ao 47% e ao 48% os destinados a abastecemento. 

Con todo, expuxo que a decisión para Pontevedra adoptouse "non" pola situación dos seus encoros senón polo caudal do río e até das augas subterráneas, posto que os municipios desta contorna captan directamente do Lérez.Así, o encoro de Pontillón de Castro áchase cun nivel "elevado", xa que poucas veces tívose que recorrer a el, segundo relatou o director xeral.

CONCAS AFECTADAS

Rodríguez matizou que a extensión da alerta ao subsistema do Lérez deberá ser ratificada polo comité permanente deste organismo o vindeiro martes. Será un día despois, o mércores á primeira hora, cando se dea cita a oficina correspondente á conca hidrográfica Miño-Sil, que examinará se continúa coa alerta en toda a demarcación, nun escenario no que "todo apunta" que así será, segundo indicaron fontes do ente consultadas por Europa Press.

Polo que respecta a Galicia-Costa, o sistema do río Lérez súmase ao seis afectados desde comezos de setembro: os do Verdugo, Lagares e Baíña; ríos de Oia e O Rosal, que verten á costa atlántica; río Castro; río Xallas e Cee; río Mero e outros que desembocan na ría da Coruña; así como os ríos Mendo e Mandeo e os que desembocan á ría de Betanzos.

O ULLA, CASE; E NON HAI RISCO DE EMERXENCIA

Pola súa banda, o correspondente ao Ulla continúa baixo un seguimento "específico" e nunha situación próxima á da alerta, segundo explicou Rodríguez. Así, aínda que "empeorou" no último mes, non o fixo "de forma tan significativa" como o Lérez, de modo que non rexistra uns niveis de "anormalidade extrema" e segue en prealerta.

O responsable de Augas asegurou que "agora mesmo" non existe risco de pasar á fase de emerxencia en "ningunha" zona da conca Galicia-Costa, aínda que recoñeceu que volver á normalidade "vai levar tempo" e require unha "continuidade" nas choivas.

Tags: #auga #seca
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Jimena en Camelot

También confió en el tripartito (PPPSOElosdeRivera) para solucionar la pertinaz sequía.

1 Don Pimpón

E os saltos de auga? Están parados? Ou seguen vaciando KWh?