Contos para previr a violencia sexual na infancia

A iniciativa comeza este luns 6 de novembro na Coruña e está dirixida a menores de entre 4 e 7 anos, “para que aprendan a distinguir dun xeito lúdico os comportamentos afectivos saudables dos non saudables”.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 05/11/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña impulsará no presente mes de novembro o programa Contos para protexer a infancia dos abusos sexuais. Trátase dunha serie de actividades que se desenvolverá desde o día 6 até o 28 de novembro na rede de Bibliotecas Municipais da Coruña co obxectivo de sensibilizar sobre esta problemática. 

Biblioteca infantil
Biblioteca infantil

Tal e como destacou a edil Rocío Fraga, a proposta quere proporcionar tanto aos e ás menores, como ás súas familias, "coñecementos e ferramentas para previr a violencia sexual contra a infancia e crear conciencia sobre todo o que constitúe". "O abuso sexual na infancia é, por desgraza, unha violencia máis habitual do que nos gustaría recoñecer pero, á vez, é unha problemática oculta polo silencio ao que as vítimas se ven condenadas”, dixo a edil. "As consecuencias psicolóxicas que se relacionan con esta experiencia poden perdurar ao longo do ciclo evolutivo”, engadiu.

Así, desde o vindeiro luns, a área de Igualdade promoverá contacontos que, ademais de iniciar ás nenas e aos nenos na lectura, "permitiranlle aprender, dun xeito lúdico, unha serie de cuestións e valores que poderán incorporar, de forma natural, a súa vida cotiá".  En total serán dous contacontos os que se representarán en diferentes datas, que terán lugar todos os días ás 18.30 horas, agás no caso daquelas que sexan no punto de préstamo de Novo Mesoiro, cuxa actuación terá lugar ás 12.30 horas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta