Inxustiza no engadido

Derrota cruel dun Deportivo mellor que o Atleti pero que encaixou o 0-1 no minuto 91 nun lanzamento de falta. O equipo deportivista suma 11 puntos en once xornadas e o domingo 19, tralo parón de seleccións, visita ao Málaga.

Por gcdeportes | A Coruña | 04/11/2017 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Deportivo 0:
Pantilimon; Juanfran, Schär, Sidnei, Luisinho (Fernando Navarro, 82’); Guilherme, Celso Borges (Pedro Mosquera, 75’); Fede Cartabia, Fede Valverde, Bakkali (Florin Andone, 75’) e Lucas Pérez.
Atlético de Madrid 1: Oblak; Juanfran, Savic, Godín, Lucas Hernández; Thomas, Augusto Fernández (Kevin Gameiro, 61’), Gabi, Saúl Ñíguez, Correa (Nico Gaitán, 46’) e Griezmann (Giménez, 80’).
Gol: 0-1: Thomas (minuto 91).
Árbitro: Álvarez Izquierdo (catalán). Amarelas a Juanfran (77’), Luisinho (78’), Andone (84’) e Sidnei (90’) no Dépor e a Griezmann (9’) e Savia (21’) no Atleti.
Incidencias: partido da 11ª xornada de Primeira División disputado no Estadio Abanca-Riazor ante 22.807 espectadores. Partido 400 de Fernando Navarro en Primeira.

A mellora das Palmas referendouse ante o Atleti e Riazor premiou os seus con aplausos. “A afección premia a entrega e o sacrificio. É un bo síntoma”, sentenciou Cristóbal Parralo, que ve o equipo no bo camiño. Malia a derrota, no tempo engadido cun gol de Thomas, o Dépor deixou boas sensacións. Soubo competir e apenas concedeu ocasións, foi mellor que un rival que pouco fixo pola vitoria pero marcou no desconto.

Bakkali, un dos mellores do Dépor fronte ao Atleti.
Bakkali, un dos mellores do Dépor fronte ao Atleti. | Fonte: @RCDeportivo

Cristóbal Parralo repetiu o mesmo once que no seu debut ligueiro como técnico deportivista. O partido comezou sendo de ida e volta, sen un dominador claro e con imprecisións. Bakkali, pola banda esquerda, era o máis activo, e tentouno con dous disparos que non atoparon portaría rival. O Dépor pasou a ter o control, pero non conseguía achegarse con perigo e tentábao con disparos lonxanos de Guilherme ou Luisinho. A mellor ocasión deportivista foi un erro de Oblak, que co balón nos pés non acertou a despexar, pero Lucas Pérez non puido aproveitar o despiste. Ao descanso, o público xa despediu o Dépor con aplausos.

O Atleti tentouno trala reanudación cun remate frouxo de Griezmann e unha volea forte de Nico Gaitán que detivo Pantilimon sen problemas. O Dépor respostou cun centro-chute de Fede Cartabia que Oblak despexou a córner; no lanzamento dende o recanto, Fede Valverde non chegou no segundo pau a un balón peiteado por Guilherme. Outro disparo lonxano de Fede Cartabia, que petou nun defensa, obrigou a Oblak a intervir e Guilherme non atinou coa portaría tras un rexeite da defensa madrileña.

Un serio Deportivo tiña o control e apenas pasaba apuros, polo que o seu técnico decidiu dar entrada a Florin Andonde coma segunda punta para buscar os tres puntos (Pedro Mosquera entrou por un mancado Celso Borges). Mentres, o Cholo Simeone retirou a Griezman para dar entrada a alguén defensivo como Giménez. Cando se cumpría o tempo regulamentario, a contra máis clara do Atleti obrigou a Sidnei a facer unha falta ao bordo da área sobre Lucas Hernández. Gabi toca para Thomas Partey, que marca o 0-1 polo pau dun estático Pantilimon. Derrota cruel do Dépor, que queda con 11 puntos en 11 xornadas.

Pancarta dos 'Riazor Blues' en lembranza de Jimmy.
Pancarta dos 'Riazor Blues' en lembranza de Jimmy. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta