Leyma vence con solvencia

O Básquet Coruña arrasa 93-74 a Lleida e suma a terceira vitoria da Liga, segunda consecutiva, no regreso de Zach Monaghan. Rio Ourense Termal cae 65-72 con Valladolid e suma a sexta derrota en sete xornadas.

Por gcdeportes | A Coruña | 05/11/2017 | Actualizada ás 08:44

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Leyma Coruña 93:
Jorge Sanz (18), Trevor Cooney (15), Gilling (10), Dmitry Flis (15), Sonseca (10) –cinco inicial-  Jesse Chuku (8), Ángel Hernández (8), Mike Torres (4), Zach Monaghan (0) e Pablo Ferreiro (5).
Força Lleida 74: Ogungbemi Jackson (7), Víctor Vinos (0), Dukanovic (22), Juampi Sutina (7), Marc Martí (7) –cinco inicial- Miqui Feliu (14), Albert Lafuente (4), Rubín de Celis (2), Hermet (9) e Stankevits (2).
Parciais: 28-16, 22-17 (50-33), 24-24, 19-17 (93-74).
Árbitros: Asier Quintas Álvarez e Iglesias Ambrosio. Sen eliminados.
Incidencias: partido da 7ª xornada da LEB Ouro no polideportivo de Riazor.

De principio a fin, dominou o Leyma. Abriu oco no primeiro cuarto con defensa e efectividade (28-16), chegou 50-33 ao descanso con dez triplas, resistiu un parcial de 0-12 visitante no terceiro acto e acadou a máxima diferenza (+24) mediado o último cuarto para acabar vencendo 93-74. Entremedias, o regreso de Zach Monaghan e o partidazo de Jorge Sanz, MVP con 18 puntos, 3 rebotes e 8 asistencias para 33 de valoración. Terceira vitoria dos coruñeses, que soben ata a metade da táboa tras sete xornadas.

As triplas e os puntos de Jorge Sanz e Gilling deron vantaxa xa no inicio (12-4), e Lleida tivo que parar o partido con apenas tres minutos e medio de xogo. Cooney, e novas triplas de Flis e Mike Torres, e vantaxe de 28-16 tralo primeiro cuarto. De novo triplas de Gilling e Jesse Chuku, e a vantaxe que se disparaba (34-18, 41-25). Lleida volveu parar o partido, pero Leyma non baixaba no seu acerto e Trevor Cooney puxo o 50-33 ao descanso coa décima tripla dos coruñeses.

Jesse Chuku, 8 puntos, 8 rebotes e 3 tapóns ante Lleida.
Jesse Chuku, 8 puntos, 8 rebotes e 3 tapóns ante Lleida. | Fonte: Nando Martínez

Na reanudación, outra tripla de Cooney e 20 de vantaxe para os galegos. Tras un 2+1 de novo de Cooney, 61-39. Lleida reaccionou e, de tres en tres, acadou un parcial de 0-12 para meterse de novo no partido (61-51). Aranzana parou o partido e cos tiros libres e as triplas de Chuku e Flis, Leyma puxo de novo as cousas no seu sitio. Ao final do terceiro cuarto, 74-57.

Dmitry Flis devolveu os 20 puntos de vantaxe (79-59) e Leyma acadou a máxima vantaxe (85-61), mentres un Zach Monaghan ansioso (acabou cun 0/5 en tiros de campo) tentaba acadar sen éxito a súa primeira canastra no regreso a Riazor. Ao final, 93-74, terceira vitoria do Leyma, que non puido contar con Sergio Olmos (Lleida acusou as baixas de Tim Derksen, Mbaye e o neozelandés Karena). O vindeiro venres, visita a Cáceres.


Ficha técnica:
Rio Ourense Termal 65:
Reggie Johnson (14), Roope Ahonen (18), Alberto Maura (0), Héctor Manzano (5), Volodymyr Orlov (7) –cinco inicial- Martín Rodríguez (1), Moreno (0), Uzas (2), Verners Kohs (0), Dan Trist (2) e Ndoye (16).
Carramimbre Valladolid 72: Wade-Chatman (0), Gantt (14), Graham-Bell (7), De la
Fuente (11), Kok (13) –cinco inicial- Óscar Alvarado (12), Astilleros (7), Álex Reyes (5), Hopfgartner (2) e Cristian Uta (1).
Parciais: 21-17, 11-19 (32-36), 9-18, 24-18 (65-72).
Árbitros: Quintas Álvarez e Iglesias Ambrosio. Sin eliminados.
Incidencias: partido da 7ª xornada da LEB Ouro disputado no Pazo Paco Paz ante arredor de 1.700 espectadores.

“Gracias Pazo por intentarlo, nosotros hemos estado mal y yo el que peor. Seguiremos”, recoñeceu Gonzalo García nas redes sociais trala derrota de Ourense 65-72 contra Valladolid, nun pésimo partido dos ourensáns, que acabaron con 5/27 en triplas (19%) e 15 perdas de balón. Sexta derrota en sete xornadas do COB, que a vindeira semana visita a CB Prat, revelación da LEB Ouro con seis vitorias.

E iso que o primeiro cuarto foi do COB, que comezou forte e chegou a gañar 19-10. Sentouse Reggie Johnson e Valladolid reaccionou ata o 21-17 tras dez minutos. Ndoye sumaba xa 12 puntos e termaba de Ourense (27-24), pero perdeu o norte o ataque local e Valladolid, cun parcial de 0-9, pasou a dominar o partido (27-33). Ao descanso, 32-36, con 1/12 triplas para os ourensáns e tras un pésimo segundo cuarto.

A segunda tripla de Ahonen empatou o partido (37-37), pero Ourense pasou cinco minutos sen anotar e Valladolid, cun parcial de 0-10, abriu oco (37-47). Gantt puxo a máxima diferenza visitante (41-54) ao remate do terceiro cuarto. COB tentouno no último cuarto pero era imposible co seu escaso acerto. Catro puntos de Ndoye achegaron a 62-68 con case dous minutos por diante, pero Valladolid non pasou apuros para acabar vencendo 65-72.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta