Por gcdeportes | Lugo | 05/11/2017 | Actualizada ás 21:17
Ficha técnica:
Cafés Candelas Breogán 97: Christian Díaz (5), Salva Arco (5), Löfberg (21), Demetrio (11), Guille Rubio (13) –cinco inicial- Sergi Quintela (4), Matt Stainbrook (9), Danilo Fuzaro (8), Ricardo Úriz (4), Sulejmanovic (10) e Cigoja (3).
TAU Castelló 69: Steinarsson (5), Alfredo Ott (7), Romas Bas (12), Nkaloulou (6), Edu Gatell (14) –cinco inicial- Joan Faner (3), Sabonis (8), Kyle Rowley (8), Chema García (4) e Pedro López (2).
Parciais: 19-19, 22-8 (41-27), 24-17, 32-25 (97-69).
Árbitros: Terreros San Miguel e López Córdoba. Sen eliminados.
Incidencias: partido da 7ª xornada da LEB Ouro no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo.
Un cuarto durou a resistencia castellonenca. Despois, CB Breogán apertou en defensa (8 puntos recibiu no segundo cuarto), impuxo o seu ritmo de cruceiro e acabou arrasando o rival con 32 puntos no último cuarto. 97-69 e líder invicto con sete vitorias en sete xornadas. Entre os lucenses destacou Johan Löfberg, con 21 puntos, 6 rebotes e 5 asistencias para 34 de valoración. O venres, proba esixente en Palencia, que leva tres vitorias consecutivas.
Comezou impreciso o Breogán e TAU Castelló mantíñase no partido no intercambio de canastras. Guille Rubio anotou 8 dos 13 primeiros puntos lucenses, pero o primeiro cuarto acabou en tablas (19-19), con 1/6 para os locais en lanzamentos triplos. Pero cos puntos de Sulejmanovic e Matt Stainbrook, o Breo abriu oco nada máis principiar o segundo acto. Parcial de 7-0 e 32-23. Castelló parou o partido, pero os puntos de Löfberg levaron a vantaxe lucense ata os 15 puntos. No tempo de lecer, 41-27, con só oito puntos visitantes no segundo cuarto.
Trala reanudación, Stainbrook comezou anotando e Salva Arco atinou cunha tripla para o 51-36. Malia as tres triplas visitantes (Romas Bas e dúas de Sabonis), os de Natxo Lezcano anotaban todos (seis xogadores por riba dos 8 puntos) e seguiu medrando a vantaxe, que chegou aos 22 puntos (64-42). Á falla de dez minutos, todo decidido con 65-44 no marcador. Breogán e o Pazo gozaron co último cuarto, no que os lucenses anotaron ata 32 puntos e Johan Löfberg, 14 con triplas en ataque e tapóns en defensa. CB Breogán chegou a ter +31 e acabou vencendo 97-69.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.