A xarda que se captura en Galicia, a máis contaminada por anisakis en Europa

Un estudo europeo mostra que as capturas nas augas galegas (87%) e norte de Portugal (52%) teñen un nivel de infección por este parasito xeralmente más alto que o atopado en zonas máis setentrionais do Atlántico oriental. O anisakis ten menor incidencia na xarda do Mediterráneo. Trátase dun problema de saúde pública, xa que afecta cada vez máis a humanos que consumen peixe contaminado.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 10/11/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Malia que a xarda é un recurso alimentario importante, non se realizaron estudos epidemiolóxicos sistemáticos e coordinados das especies de anisakis na xarda atlántica (Scomber scombrus) dos caladoiros europeos. Como parte dun proxecto europeo, científicos de Noruega, Italia, Francia, Portugal, Reino Unido, Illas Feroe e Galicia analizaron e compararon a presenza deste parasito na xarda do Atlántico nororiental e en augas mediterráneas. En xeral, a xarda capturada nos caladoiros do Atlántico exhibiu niveis de infección notablemente maiores

Xardas
Xardas | Fonte: Petar Milošević en Wikipedia.

"A caballa capturada no noroeste de España [Galicia] e Portugal mostrou a maior prevalencia xeral e muscular, acadando o 87% e o 52%, respectivamente, datos que difiren significativamente de todas as demais mostras do Atlántico", salientan os autores

Os niveis máis baixos de prevalencia e abundancia de anisakis rexistráronse na xarda das augas das Illas Feroe, mentres que os niveis máis baixos de infección muscular foron atopados nas mostras do Mar do Norte.

A identificación de especies de nematodos xenéticos mostrou que o Anisakis simplex é a especie dominante na xarda das áreas atlánticas, mentres que o Anisakis pegreffii domina nas mostras do mar Mediterráneo. Esta última especie mostrou xeralmente unha baixa prevalencia e intensidade na carne da xarda, sen exceder o 6% e unha larva, respectivamente.

"PUNTO QUENTE"

Mentres que o Anisakis simplex e o Anisakis pegreffii parecen coexistir na xarda de Galicia e Portugal, tamén se rexistraron casos de Anisakis pegreffii na xarda do Mar do Norte e en augas de Noruega.

Os resultados analizados implican que os caladoiros fronte a Galicia e norte de Portugal son un "punto quente" para o Anisakis simplexAnisakis pegreffii. Os exemplares de xarda analizados mostran "niveis xeralmente altos de infección, albergando infeccións mixtas con A. simplex e A. pegreffii, e híbridos de primeira xeración entre eles", detallan os investigadores.

Os investigadores consideran que "o Anisakis pegreffii podería ser un marcador complementario útil para rastrexar as rutas de migración dos diferentes compoñentes do stock de xarda nas augas do Atlántico nororiental".

A xarda do Atlántico (Scomber scombrus) atópase entre as especies de peixes máis valiosas de Europa. Considérase que a poboación de xarda do Atlántico Nororiental comprende tres poboacións principais (sur, oeste e Mar do Norte), con proporcións variables destas tres mesturadas nas zonas de alimentación do norte. As poboacións de xarda do sur e do oeste movéronse nos últimos 4-5 anos máis ao norte e ao oeste. En consecuencia, a pesca e o procesamento de xarda a grande escala convertéronse en industrias prósperas en Islandia e as Illas Feroe en poucos anos. A estrutura da poboación de xarda no Mar Mediterráneo é menos coñecida, subliñan os autores deste estudo.

AUTORES

Os resultados deste estudo, subvencionado pola Unión Europea, foron publicados recentemente na revista científica Fisheries Research.

Os autores da investigación son científicos do Instituto Nacional de Nutrición e Investigación de Produtos do Mar de Noruega, o Departamento de Ciencias Ecolóxicas e Biolóxicas da Universidade de Tuscia (Italia), o Departamento de Saúde Pública e Enfermidades Infecciosas da Universidade de Roma La Sapienza, a Axencia Francesa para a Seguridade Alimentaria, do Medio Ambiente e Saúde Ocupacional, o Oceanlab da Universidade de Aberdeen (Escocia), o CESAM e o Departamento de Bioloxía da Universidade de Aveiro (Portugal), o Instituto de Investiación Mariña de Illas Feroe e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta