Política e conciencia fiscal

En política fiscal son partidario, no que aos impostos directos se refire, dun tipo impositivo único para todos os niveis de renda, arredor do 25 %.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 25/11/2010

Comparte esta noticia

Tamén son partidario de declarar un mínimo exento que estea arredor dun límite de subsistencia razoable nunha sociedade como a nosa, uns mil euros mensúais. O tipo do 25 % aplicaríase a toda renda que estivese por riba duns 12.000 € anuais. Alguén que ingresase 20 000 € pagaría o 25 % de 8000 € (2000 €), e alguén que ingresase 50 000 pagaría o 25% de 38 000 € (9500 €). Dous son os elementos de progresividade: a mesma porcentaxe aplicada a unha maior renda é máis imposto, e, en segundo lugar, hai un mínimo exento que favorece ás rendas baixas.

O sistema de tipo único que defendo ten grandes vantaxes, en primeiro lugar desincentiva a fraude das rendas altas, xa que é menor o castigo que reciben e é máis fácil descubrir a fraude por parte da Axencia Tributaria ao ser un sistema moito máis sinxelo e transparente. En segundo lugar incentiva o esforzo, xa que co sistema de chanzos moitas veces un incremento no que unha empresa paga a un empregado non se traduce nun incremento proporcional de ingresos, o sistema de chanzos incentiva tamén a fraude, xa que en moitas ocasións o acordo ao que chegan empresa e empregado é pagar unha parte en “negro” para evitar ese “castigo” fiscal.

O sistema fiscal actual é, como todas as políticas de orixe socialista ou conservadora, un totum revolutum no que colle unha falsa promesa de redistribución da renda que realmente non se produce debido á elevada fraude, e no que tamén nos encontraremos con privilexiados e con atallos tramposos para as grandes fortunas. Como inimigo dos privilexios teño que ser crítico coas SICAV, sociedades de investimento colectivo que na prática controlan as grandes fortunas en España e que tributan ao 1 % no imposto de sociedades. Igual que non me parecería xusto que Amancio Ortega pagase máis porcentaxe sobre a súa renda do que pago eu sobre a miña, tampouco me parece xusto que pague menos polo beneficio das súas accións do que pago eu. Isto é un privilexio e como sempre recordo, os liberais estamos, ao contrario que os socialistas e os conservadores, en contra dos privilexios.

A conciencia fiscal é un concepto que se refire á percepción real, por parte dos contribuíntes, de que todo o diñeiro do que dispoñen as Administracións públicas provén dos impostos que eses contribuíntes pagamos. O primeiro paso para a que creo necesaria adquisición desta conciencia é termos formación prática de todo o que pagamos de impostos. Por exemplo, comentábame nunha ocasión un funcionario da Axencia Tributaria, que na liquidación do IRPF, cando lles tocaba a devolver, moitos contribuíntes tiñan a percepción de que era case como un agasallo, e non do que realmente é: unha cantidade que Facenda nos substrae con antelación, a maiores do que debería. É dicir, o que estaría máis preto da definición dun roubo, moitos contribuíntes percíbeno como un agasallo.

A falta de conciencia fiscal é un dos motivos, diría que dos máis importantes, do noso atraso relativo. Nos países de cultura latina, a conciencia fiscal é moi feble. En Galicia, por exemplo, os políticos conservadores sempre se beneficiaron desta falta de conciencia fiscal para poderen vender, especialmente no rural pero non só, actuacións en infraestruturas como favores, e non como deberes, entre os que merecerían un lugar destacado o asfaltado de pistas e os puntos de luz. A falta de conciencia fiscal tamén produce unha falta de interese en coidar os espazos ou o patrimonio público, xa que non hai conciencia real de que somos todos nós quen realmente sostén o seu mantemento. Son partidario de implementar medidas que fagan máis visibles aos cidadáns os impostos que pagan. No comercio, por exemplo, debería haber un prezo nas etiquetas sen impostos (aclarando que é así), e ao pagar seríamos máis conscientes de que somos nós, os contribuíntes, os que sostemos o estado.

Unha cidadanía realmente consciente de que é a que sostén toda a Administración sería en xeral moito máis exixente na súa relación coa esta. A maioría dos cidadáns deste país non é consciente de que os empregados públicos son os empregados (non confundir con subordinados) dos contribuíntes, dentro dos quefaceres que lles están encomendados, polo que teñen o deber de atendernos adecuadamente, e os demais o dereito a reclamárllelo con respecto e educación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA