Feijóo avanzará unha batería de reformas estruturais para reducir os incendios en Galicia

Na súa comparecencia no Parlamento galego deste martes, o presidente lembrará as catro vítimas mortais "do terrorismo incendiario" e situará como "eixo fundamental" combater aos que prenden lume

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2017 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentará na súa comparecencia deste martes no Parlamento unha batería de reformas estruturais para "reducir as posibilidades" de que volva producirse en Galicia "unha traxedia" como a derivada da vaga de incendios que arrasou á comunidade a mediados de outubro.

Alberto Núñez Feijóo no Parlamento
Alberto Núñez Feijóo no Parlamento | Fonte: Europa Press

Fontes do Executivo autonómico trasladaron a Europa Press que, nunha comparecencia que Feijóo realiza "a petición propia" —aínda que os grupos da oposición xa esixiran a súa presenza no Hórreo—, o mandatario reafirmarase en que a loita contra os incendiarios "debe ser o eixo fundamental" á hora de combater os lumes.

Non en balde, o presidente subliñará que "non se pode esquecer que, se o monte arde, é porque alguén o queima".

En todo caso, para "completar a abordaxe xudicial deste problema", presentará un paquete de reformas estruturais. O labor de deseño do mesmo foi "transversal" e implicáronse todos os departamentos da Xunta, empezando pola Consellería de Medio Rural.

Así as cousas, as medidas agruparanse en catro eixos: medidas orientadas a "facer cumprir as normas de prevención", avances na ordenación do monte, iniciativas para dinamizar economicamente os bosques e así "facelos menos vulnerables"; e reformas no "sistema de detección e resposta aos incendiarios".

Para que estas reformas "teñan éxito", Feijóo lembrará que é "imprescindible" a corresponsabilidade do conxunto da sociedade galega, "desde os propietarios das parcelas" até o resto de administracións, en relación a deputacións e concellos.

"ÚLTIMA FASE" DA RESPOSTA DO GOBERNO

O xefe do Executivo exporá estas medidas como a "última fase" da resposta ante unha vaga de incendios que "centrou" a axenda política do Goberno de Feijóo durante as últimas semanas, aínda que as "prioridades" han ir "evolucionando".

Ao longo das "primeiras horas", Feijóo sempre incidiu en que "a prioridade absoluta" foi a extinción dos 264 lumes que sufriu Galicia "en dous días".

Unha vez finalizada esta, o Goberno galego esgrime que se procedeu "coa máxima axilidade" a tramitar as axudas aos afectados. "E só 24 horas despois de que o último incendio se dese por extinguido, aprobouse o decreto marco que lles dá soporte", lembran desde a contorna de Feijóo.

Engaden que, dúas semanas despois da traxedia, xa estaba publicada a orde de axudas cuxos destinatarios "preferentes" son as familias do catro vítimas mortais e as persoas que viron afectado o seu domicilio ou as súas pertenzas.

Após a extinción e atención aos afectados, Feijóo considera que é o momento de "emprender unha reflexión conxunta" sobre as medidas que se poden tomar no futuro "para mellorar a prevención, a ordenación, dinamización do monte e a resposta aos incendiarios".

"TERRORISMO INCENDIARIO"

O presidente debullará estas iniciativas nunha intervención na que empezará lembrando as catro vítimas mortais que perderon a vida "a causa do terrorismo incendiario", ademais de recoñecer e agradecer o traballo dos miles de efectivos que se encargaron da extinción, a quen se "debe" que as consecuencias da vaga de lumes "non fosen aínda maiores".

Tamén incidirá, unha vez máis, na condena aos incendiarios que, "de forma simultánea e, na maioría dos casos, deliberada", aproveitaron "as inusuais condicións climáticas" para "pór en risco o patrimonio natural, os medios de vida dos veciños" e mesmo se "levaron por diante vidas humanas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta