Temas: CINEMA PESCA

Chega aos cinemas galegos un documental sobre os bacallaeiros galegos e vascos en Terranova

Vigo, Ferrol, Compostela, A Coruña e Lugo acollen a estrea de "Arte al Agua", que lles dá voz aos mariñeiros que durante décadas cruzaban o Atlántico e faenaban durante meses nas costas canadenses e en Groenlandia.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 07/11/2017 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

O duro traballo dos bacallaeiros por fin é recoñecido. E é recoñecido grazas a unha cinta documental que chega aos cinemas galegos esta fin de semana. Será co documental "Arte al Agua, los bacaladeros de Terranova". Trátase dun retrato íntimo das adversidades e sufrimentos que viviron os homes que durante décadas cruzaban o Atlántico desde os portos de Pasajes no País Vasco e da Coruña, Ferrol ou Vigo en Galicia rumbo ás costas canadenses e a Groenlandia, onde faenaban durante meses en condicións terribles para encher de bacallau as adegas dos barcos e, xa salgado, os peiraos da costa cantábrica.

Imaxes do documental Arte al Agua, de Oliver Laxe, sobre os bacallaeiros galegos
Imaxes do documental Arte al Agua, de Oliver Laxe, sobre os bacallaeiros galegos

O documental retrata os anos dourados da pesca do bacallau, especialmente as décadas dos 50, 60 e 70. Ao final desta época, máis de 120 barcos con 5.000 homes faenaban anualmente nestas augas e capturaban preto de 300.000 toneladas de bacallau. Ata que todo veu abaixo, as capturas comezaron a escasear a finais dos 70 por sobrepesca e en 1977 Canadá declarou as 200 millas mariñas para asegurar o recurso e a súa explotación propia, o que deixou fóra dos caladoiros á frota española por falta de cotas. Ademais, produciuse unha desaceleración nas políticas do goberno de Madrid de apoio a esta industria pesqueira. Finalmente, en 1992 declarouse a veda da pesca do bacallau, que aínda está vixente. Isto provocou o colapso das poderosas frotas bacaladeiras galega e vasca e deixou sen traballo a miles de persoas.

Arte al Agua -que se proxecta a partir do día 10 nos cines da Praza Elíptica de Vigo, nos Dúplex de Ferrol, nos Marineda e Cantóns da Coruña, n'As Cancelas de Compostela e n'As Termas de Lugo- recolle as historias na voz dos seus protagonistas, como os galegos Porfirio Casal Cabaleiro, que traballou sen descanso en Terranova durante 30 anos e só se queixa de que só viu a súa muller e fillos 5 deses anos; o capelán Raimundo Pérez Betal ou os pescadores Manuel Touriño Pereira e Emilio del Rio

A película ilustra os relatos dos bacallaeiros con incribles imaxes de arquivo, a maior parte do material en soporte de super8, filmadas polos propios capitáns, patróns de pesca, mariñeiros ou outros membros das expedicións.

Temas: CINEMA PESCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta