En Marea e PSdeG volven pedir unha comisión de análise sobre os incendios despois da comparecencia de Feijóo

Os populares planean rexistrar a súa propia iniciativa na liña das directrices dadas polo presidente

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2017 | Actualizada ás 19:50 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

En Marea e PSdeG volveron a unir forzas para rexistrar a petición para crear unha comisión especial de análise que estude "de forma específica" a vaga de incendios de outubro de 2017 e que, ademais, permita establecer liñas de reforma do conxunto de políticas públicas implicadas.

En Marea e PSdeG, que xa pediran unha comisión de estudo na última Xunta de Portavoces, dan este paso despois da comparecencia do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na sesión plenaria deste martes, na que propuxo á oposición un pacto forestal cun paquete de 30 medidas e unha comisión específica para abordalo.

Na exposición de motivos, PSdeG e En Marea subliñan que a recente vaga de incendios provocou a queima de máis de 49.000 hectáreas de montes, decenas de vivendas, patrimonio forestal, industrial e doméstico, ademais de "ocasionar catro lamentables mortes", feridos e centos de afectados o fume.

Tamén lembran que "atacou espazos protexidos e hábitats singulares", ademais de agredir á fauna salvaxe e ao gando doméstico.

A pesar diso, lamentan que as declaracións dos máximos responsables da Xunta incidan en "imputar a responsabilidade" á situación climatolóxica inusual e ao "terrorismo incendiario", evitando asumir "responsabilidades" e defendendo, "contra as evidencias recollidas", unha "xestión impecable" do dispositivo.

"ANÁLISE NESGADA, RESPOSTA INSUFICIENTE"

"Unha análise nesgada, unha resposta insuficiente", constatan, antes de incidir en que "a repetición cíclica das ondas incontrolables obriga a unha reflexión profunda, á política de prevención, á coordinación dos labores de extinción ou á formación da cidadanía".

"O exemplo das actuacións da Asemblea da República portuguesa despois do incendio de Pedrogão Grande sinala unha vía a transitar", recolle a iniciativa rexistrada, aínda que ve necesaria "unha reflexión profunda e sosegada" sobre datos técnicos pero con dimensión política, da política forestal e contra o lume en Galicia.

PROCEDEMENTO PARLAMENTARIO

Así, socialistas e rupturistas rexistraron esta petición de creación dunha comisión especial de análise ao amparo do artigo 51 do regulamento da Cámara, única vía para activar este tipo de órganos non permanentes.

Dito artigo recolle que a creación deste tipo de comisións poderá acordala a Mesa do Parlamento por iniciativa propia, de dous grupos parlamentarios ou da quinta parte dos deputados membros da Cámara.

A diferenza do outro tipo de comisións non permanentes que recoñece o regulamento, as de investigación, o debate para crear un órgano de estudo non se dá no pleno, senón que basta a audiencia na Xunta de Portavoces e que sexa aceptada.

En Marea e PSdeG xa trataron de activar esta vía na última reunión de portavoces da Cámara, previa ao pleno desta semana, e denunciaron o "veto" do PPdeG, quen pospuxo calquera iniciativa á comparecencia de Feijóo.

O BNG quedou á marxe desta iniciativa de socialistas e rupturistas, aínda que defende no pleno desta semana unha proposición non de lei no mesmo sentido.

Ana Pontón (BNG) manifestou entón a súa "sorpresa" polo paso dado por En Marea e PSdeG, cuxos portavoces, Luís Villares e Xoaquín Fernández Leiceaga, incidiron, á súa vez, en que os nacionalistas romperon primeiro o "consenso" ao rexistrar a súa proposición non de lei "unilateralmente".

O PP PREVÉ PRESENTAR A SÚA INICIATIVA

Entre tanto, fontes do Grupo Popular consultadas por Europa Press incidiron en que a proposta exposta polo presidente este martes ten unha perspectiva "máis ampla" que a relativa á vaga de incendios de outubro e que incumbe á política forestal.

Nesta conxuntura, planean presentar a súa propia iniciativa na liña das directrices dadas polo xefe do Executivo.

O ANTECEDENTE DE 2006

Esta comisión de análise que agora, por distintas vías expoñen os grupos, ten antecedentes na Cámara galega. E é que, após a vaga de incendios do ano 2006, cando gobernaba o bipartito, tamén se constituíu unha Comisión non Permanente de Estudo das causas e consecuencias dos lumes en Galicia.

Entón, o PPdeG, con Alberto Núñez Feijóo como líder da oposición, declinara participar, ao considerar que debería activarse unha comisión de investigación e non de estudo.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta