Temas: CóMIC A CORUñA

Cinema e conferencias na Coruña sobre o mundo do cómic

Son actividades complementarias á exposición «A Arte no Cómic», organizada por Afundación.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/11/2017 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

A Coruña acolle, desde outubro un ciclo de cine francés conformado por filmes baseados en célebres cómic e, a partir de agora, tamén un ciclo de conferencias e mesas redondas sobre a novena arte, todas elas con entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade.  Son actividades organizadas por Afundación complementarias á exposición «A Arte no Cómic», exposta actualmente na sede coruñesa da entidade.

Viñetas desde o Atlántico, Salón Internacional del Cómic A Coruña
Viñetas desde o Atlántico, Salón Internacional del Cómic A Coruña

As charlas repartiranse en dúas xornadas, a primeira o venres 17 de novembro a partir das 18.30 h coa conferencia «Os museos vistos polo cómic» a cargo de Asier Mensuro na que se tratará a relación das institucións culturais co cómic. A continuación, ás 19.30 h, terá lugar unha mesa redonda na que se expoñerán algúns exemplos de publicacións de cómic impulsadas polas devanditas entidades que contará coa participación de Fabrice Douar, do Museo do Louvre; José Manuel Mantilla, do Museo Nacional del Prado; e Ana Cela, do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza. 

O ciclo continuará ao día seguinte, o sábado 18 de novembro, a partir das 11.30 h coa conferencia «Biografías de pintores de cómics» a cargo de Asier Mensuro e ás 12.30 h cunha mesa redonda na que participarán Sagar Forniés, autor do cómic, xunto a Aurélie Herrou, patrocinado polo Centro Pompidou de París, e Ricardo Efa, autor do cómic Monet. Nómada de la luz. 

Pola tarde poñerase o punto final á programación coa conferencia, a partir das 18.30 h, «O cómic en Galicia. Desde as orixes á actualidade» a cargo de Octavio Beares. A continuación, ás 19.30, terá lugar a mesa redonda «O cómic como arte» con Miguel Anxo Prado, Jacobo Fernández e Brais Rodríguez, e con Octavio Beares como moderador.

A EXPOSICIÓN «A ARTE NO CÓMIC»

Maís de 3.750 persoas visitaron xa a mostra «A Arte no Cómic», comisariada polo historiador Asier Mensuro e producida por Fundación Telefónica, 73 debuxantes e artistas da novena arte reinterpretan as grandes obras da historia da pintura universal. 

A exposición está estruturada en tres espazos: a presenza do cómic nos grandes museos; historietas desenvolvidas por autores galegos, que inclúe a interpretación en cómic da Colección de Arte de Afundación, obra do ilustrador Jacobo Fernández Serrano; e a homenaxe que realizaron algúns debuxantes a pezas de arte emblemáticas. 

A exposición mostra, entre outras, obras do Museo Louvre, do Museo del Prado, con obras inéditas que se poden ver por primeira vez neste proxecto, ou do Museo Thyssen-Bornemisza, que actúan como colaboradores desta orixinal exposición. Poderá visitarse na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8) ata o próximo 6 de xaneiro de 2018, de luns a venres de 17 a 21 h e os sábados de 12 a 14 e de 17 a 21 h. Todos os mércores e venres ás 19.00 h ofrécese a posibilidade de realizar unha visita guiada á mostra de forma completamente gratuíta e sen necesidade de inscrición previa. 

Temas: CóMIC A CORUñA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta