Vigo pode entrar en fase de escaseza severa de auga a principios de decembro

O Concello activou o plan municipal de emerxencia para situacións de seca na súa fase de alerta, pero advirte de que, "coa previsión de choivas que hai, e a progresión de consumo que levamos", activaríase a de escaseza severa na primeira semana de decembro.

Por E.P. | VIGO | 08/11/2017 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

O concello de Vigo, que activou o plan municipal de emerxencias para situacións de seca, pode entrar na fase de escaseza severa a principios de decembro, se se mantén a actual progresión de consumo e non chove.

Espazo natural da Freixa, en Ponteareas, onde o concello actuou para evitar o corte de subministro de auga ante a seca
Espazo natural da Freixa, en Ponteareas, onde o concello actuou para evitar o corte de subministro de auga ante a seca | Fonte: Concello de Ponteareas

Así o explicou o alcalde olívico, Abel Caballero, quen volveu reclamar á Xunta que, "de inmediato e pola vía de urxencia", acometa a construción dun azud (un pequeno transvasamento) entre os ríos Verdugo e Oitavén, e reduza o caudal ecolóxico dos ríos.

Segundo lembrou, nas últimas semanas, a auga embalsada tanto en Eiras como en Zamáns, viuse reducida de forma importante, e pasou do 56,5 por cento (o 30 de setembro) ao 41 por cento (o 6 de novembro) no primeiro caso; e do 52 por cento (o 30 de setembro) ao 41 por cento (o 6 de novembro) no segundo caso.

Vigo activou o plan municipal de emerxencia para situacións de seca na súa fase de alerta (subministración para 100 días), pero Caballero advertiu de que, "coa previsión de choivas que hai, e a progresión de consumo que levamos", activaríase a seguinte fase, a de escaseza severa (subministración para 70 días), na primeira semana de decembro.

"Sigamos aforrando o máximo de auga posible", pediu o alcalde, quen reprochou á Xunta que "xa perdeu moito tempo", porque "hai que porse no peor escenario".

Tags: VIGO CLIMA SECA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta