O Parlamento apoia a devolución a Santiago das dúas estatuas do Mestre Mateo que teñen os Franco

En Marea, PSdeG e BNG din que as pezas foron "roubadas". O PPdeG apoia a proposta tras condicionar a súa devolución ao que se resolva en sede xudicial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2017 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

Todos os grupos no Parlamento de Galicia apoiaron este mércores a reclamación realizada polo Concello de Santiago para esixir á familia Franco a devolución de dúas estatuas do taller do Mestre Mateo que se atopan no seu poder e que, segundo a documentación existente, pertencen ao patrimonio municipal.

Estatuas do Mestre Mateo en poder do Franco
Estatuas do Mestre Mateo en poder do Franco

A proposición non de lei, en consonancia coas aprobadas tamén no Congreso e no propio Concello de Santiago, foi presentada polo grupo de En Marea e, após alcanzar unha transacción co PPdeG, contou co apoio de todos os grupos.

Segundo o texto que se votou, o Parlamento galego expresa o seu apoio á reclamación do Concello de Santiago de que lle sexan devoltas estas dúas esculturas e, unha vez resolto o conflito xudicial iniciado, insta á Xunta a colaborar co consistorio na restauración e posta en valor destas pezas, que orixinalmente pertencían á fachada do Pórtico da Gloria. Finalmente, reclama que sexan declaradas canto antes Ben de Interese Cultural.

O martes, a deputada de En Marea Luca Chao pedía ao PPdeG durante o debate da iniciativa que evitase as "medias tintas" e apoiase esta iniciativa. As dúas estatuas, lembrou, foron vendidas en 1948 ao Concello de Santiago coa condición de que "permanecesen indefinidamente" no patrimonio da cidade, unha condición "claramente incumprida", xa que agora están en poder da familia Franco.

Durante o debate, a deputada do BNG Olalla Rodil xa anunciou o apoio do seu grupo á iniciativa para a devolución destas dúas pezas "roubadas" ao "pobo galego". "Este é un síntoma da impunidade da que goza o fascismo neste país", dixo Rodil, que reclamou á Xunta que "abandone a conivencia coa que actúa con respecto á Fundación Francisco Franco" nas visitas a Meirás.

Tamén a deputada socialista Concepción Burgo reclamou á familia Franco que "devolva eses bens públicos" ao patrimonio, á vez que cualificou de "moi urxente" que a Xunta faga "a declaración BIC", dado que as esculturas "viaxarán na primavera até Nova York". "E teñen que volver", sentenciou.

ESPERAR A RESOLUCIÓN XUDICIAL

No seu posicionamento o martes, a deputada popular María Antón asegurou que a resolución deste conflito pasa polo ámbito xudicial, no que a Xunta "non pode influír", á vez que emendou a proposición para ofrecer ao Concello "apoio técnico e asesoramento" para a "posta en valor" destas pezas unha vez que a resolución xudicial determine a súa devolución.

"O Concello aprobou a interposición dunha demanda contra Carmen Franco y Polo para a recuperar destas dúas figuras", lembrou Antón, quen precisou que "as accións xudiciais só lle corresponden ao Concello, como dono destas figuras".

Trala chamada a realizar un "esforzo de xenerosidade para sumarse ao consenso", En Marea chegou a un acordo co PPdeG para incorporar a súa emenda ao texto e a iniciativa foi aprobada por unanimidade de todos os grupos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta