Telefónica despediu case 900 traballadores en Pontevedra nos últimos 20 anos

Protestas nesta provincia ante o anuncio de novos recortes e a ameaza de peche de Centros de Traballo na Estrada, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra capital. Actualmente só hai 276 traballadores, dos 1.100 que había nos anos 90.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 09/11/2017 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

Os traballadores de Telefónica na provincia de Pontevedra mobilizáronse este mércores para evitar novos despidos nesta multinacional. E o certo é que desde os anos 90, pasouse de máis de 1.100 empregados, ao plantel actual de 276 traballadores.

Protesta de traballadores e delegados da CIG de Telefónica en Pontevedra
Protesta de traballadores e delegados da CIG de Telefónica en Pontevedra | Fonte: CIG

A Sección Sindical da CIG na Telefónica concentrouse diante das Centrais Telefónicas de Vilagarcia de Arousa e na Central Peregrina de Pontevedra. O obxectivo é denunciar a redución de emprego en Telefónica na provincia de Pontevedra, dentro da política de persoal deseñada para concentrar en Madrid e Barcelona, maioritariamente, e Bilbao, Valencia e Sevilla en menor medida, o plantel propio da Empresa. 

Segundo os traballadores, isto excluirá a provincia de Pontevedra e a toda Galicia de participar na produción de Servizos de Telecomunicacións nos postos máis cualificados. “Consideramos particularmente escandaloso o traslado da Dirección Territorial da Galiza a Bilbao, efectuado no outono de 2012 e que ten como consecuencia a extinción do emprego en Telefónica na Galiza que padecemos”, denuncian.

Ameaza de peche de centros

Con estas concentracións queren denunciar a ameaza de peche de Centros de Traballo na Estrada, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra capital. Ao mesmo tempo, critican o incumprimento da Normativa Laboral para aplicar esta redución de plantel, “actuando con arbitrariedade e precarizando as condicións de traballo, para sacar aos profesionais da atención directa ao público, privando aos Operadores de Comunicacións de actividade propia das súas profesións, para adicalos a tarefas administrativas”.

Ademais, indican que Telefónica externaliza as tarefas “con contratas máis precarizadas aínda, poñendo en perigo a calidade do Servizo Público de Telecomunicacións, como está a amosar o abandono do Servizo de Telefonía Fixa que sofren aínda as vítimas dos incendios forestais en amplas zonas da nosa provincia”.

Finalmente, tamén denuncian a complicidade da Xunta de Galiza nesta deslocalización do emprego en Telefónica cara Madrid e Bilbao, socio colaborador da Empresa mediante cuantiosas subvencións de millóns e millóns de euros (máis de 50 millóns de € co gallo da Fibra Óptica) sen contrapartidas en materia de emprego directo, ou para cubrir as carencias de cobertura e calidade do servizo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta