Andainas, cinema, visitas guiadas e concertos para protexer o noso patrimonio

A Rede do Patrimonio Cultural mobiliza a 25 entidades de toda Galicia para realizar máis de 40 actividades en defensa do patrimonio e celebrar o Día do Patrimonio Mundial.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/11/2017 | Actualizada ás 09:45

Comparte esta noticia

Roteiros, visitas guiadas, conferencias, concertos, xantares e actividades varias procurarán ao longo da vindeira semana concienciar aos galegos da importancia da conservación e promoción do patrimonio. Convocadas pola Rede do Patrimonio Cultural (RPC), un total de 25 entidades realizarán máis de 40 actividades para celebrar o Día do Patrimonio Mundial.

Andaina cultural
Andaina cultural

A UNESCO estableceu esa data no 16 de novembro, pero a RPC realizará actividades ao longo desta fin de semana e toda a que ven. Será a primeira vez que esta entidade contribúa á visibilización do patrimonio cultural galego e das entidades que o promoven, protexen e poñen en valor, ofrecendo un calendario conxunto de actividades do tecido patrimonial e cultural de Galicia. Ademais, a RPC propón empegar o cancelo #DiadoPatrimonio para as as comunicacións nas redes sociais relativas aos disintos eventos convoados.

Entre estas actividades salientan dez roteiros, doce visitas guiadas, dous xantares populares, dúas charlas, unha xuntanza patrimonial, un programa de radio, un concerto, unha proxección e unha publicación. E todo sen ningunha axuda oficial, só o voluntarismo e o amor dos galegos polo seu patrimonio.

Actividades

Así, entre estas accións a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas realizará un programa de radio sobre o pergameo Vindel. O Sorriso de Daniel fará o domingo 19 unha xeira románica por Guntín e unha visita guiada ao museo diocesano de Lugo. Amigos do Patrimonio de Castroverde realizarán o sábado día 11 un percorrido por parte do roteiro do val do río Tórdea e Xérmolos, unha andaina ata a Pena Xiboi de Parga.

Celebración do Día Mundial do Patrimonio por parte da Rede do Patrimonio Cultural
Celebración do Día Mundial do Patrimonio por parte da Rede do Patrimonio Cultural | Fonte: Mario Maceiras

Pola súa banda, Peton do Lobo , Asociación Galega Cova Crea e Asociación Ouriol do Anllóns organizan un roteiro tras ao antigo cemiterio civil de Corcoesto o 18 de novembro e a Asociación de Amigos do Pasatempo unha visita guiada ao Parque do Pasatempo o 19 de novembro. Tamén a Gentalha do Pichel convoca ás III Conversas sobre a xestion cultural e a presentación do tríptico sobre o Megalitismo en Compostela, así como a un roteiro polos castros e mámoas de Santiago. 

A Asociación Cultural Apelón Educación organiza unha andaina Cultural con visita ao xacemento romano de Noville o 18 de Novembro e a Asociación Amigos dos Castros de Cuntis unha saída fotográfica. Tamén Patrimonio dos Ancares realizará un roteiro e a Asociación Monte Pituco, o sábado 25, unha visita aos conxuntos rupestres da Carrasca e Champás. Pola súa banda, a Asociación Festa da Prehistoria organiza unha visita á "Laxe das Cruces" e a Asociación Batistales, un concerto nas campás da Igrexa de Mondoñedo.

Toda a información, horarios, lugares e días de actividades pódese consultar na web redepatrimonio.gal, onde tamén hai un mapa interactivo e os carteis con toda e cada unha das accións da RPC.

A Rede do Patrimonio Cultural

A Rede do Patrimonio Cultural botou a andar o día 3 de xuño de 2017 nun acto celebrado no Museo do Pobo Galego no que se aprobou un documento avalado por 69 asociacións e entidades galegas relacionadas co patrimonio cultural.

A RPC entende o noso patrimonio cultural como un dos principais activos sociais, identitarios e económicos de Galicia e, polo tanto, un recurso estratéxico para a sociedade galega contemporánea que debe ser conservado e transmitido, nas mellores condicións, ás vindeiras xeracións. Por iso, acolle a entidades que teñan por obxectivos a defensa e posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como inmaterial. É un instrumento orientado a aqueles ámbitos territoriais ou sociopolíticos que resultan de difícil acceso para cada unha das entidades en particular.

Poden participar na RPC as asociacións, colectivos e entidades civís interesadas na divulgación e protección do patrimonio cultural, xa que esta entidade é un instrumento para a visibilización das actividades e accións das entidades participantes alén dos seus círculos habituais de difusión.

Integrantes da Rede do Patrimonio Cultural
Integrantes da Rede do Patrimonio Cultural | Fonte: Soledad Felloza
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta