O ascenso de dous galegos

Os ciclistas coruñeses Pablo Torres e Dani López Parada soben á categoría Profesional Continental da man do Burgos BH, co que aspirarán a disputar a vindeira edición da Vuelta a España.

Por gcdeportes | A Coruña | 09/11/2017 | Actualizada ás 09:06

Comparte esta noticia

Con dous galegos nas súas filas, o Burgos BH é novo equipo Profesional Continental para o 2018. A UCI confirmou a boa nova para o ciclismo español, e os coruñeses Pablo Torres e Dani López Parada ascenden co seu equipo á segunda división do ciclismo mundial, que dá dereito a participar nas probas do calendario World Tour. O obxectivo prioritario do equipo burgalés dirixido por Julio Andrés Izquierdo será acadar unha praza para disputar a vindeira Vuelta a España.

O galego Pablo Torres ergue os brazos vencedor na liña de meta.
O galego Pablo Torres ergue os brazos vencedor na liña de meta. | Fonte: Alban Cordoba & Hervé Bidou

“Persiguiendo un sueño desde pequeño... Que ahora casi puedo tocar gracias a Burgos BH por ayudarme a cumplirlo” ou “En mi trabajo tengo claro mis objetivos, coronar cimas como esta en una Vuelta de tres semanas, es uno de ellos #soñardespierto #nuncaestarde” son as mensaxes desta semana no twitter de Pablo Torres, ilusionado coa posibilidade de disputar a vindeira edición da Vuelta. O ciclista coruñés, de 29 anos, leva xa seis campañas no equipo castelán, dende o seu salto ao ciclismo profesional en 2012. Este ano, en maio, Pablo Torres acadou a súa primeira vitoria como profesional en Francia no Tour de Gironde.

Xunto a el, seguirá un ano máis outro galego, Dani López Parada, aínda con 23 anos. Tralos seus comezos no CC Cambre-Caeiro e dúas campañas no Caja Rural, será a terceira temporada consecutiva nun Burgos BH xa profesional.

Pablo Torres e Dani López Parada son dúas das seis renovacións do Burgos BH para o seu salto de categoría, xunto con Ibai Salas, Jorge Cubero, Álvaro Robredo e Igor Merino. Dez son as incorporacións (Eduard Prades, Adrián González, Matvey Mamykin, Diego Rubio, Jordi Simón, Jesús Ezquerra, José Mendes, Silvio Herklotz, Nicolas Sessler e Victor Langelotti) para un equipo cun total de 16 ciclistas.

Deste xeito, a categoría Profesional Continental contará con tres equipos españois: Caja Rural-RGA, Euskadi-Murias e Burgos-BH. Na mesma división, pero en Francia, o moañés Delio Fernández renovou por dous anos máis polo Delko-Marseille Provence-KTM.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta