O BNG pide activar automaticamente unha investigación na Cámara sobre incendios e que cese Fernández-Couto

Pontón recalca que unha persoa sobre a que pesan "sombras de dúbida" da Xustiza non pode "seguir á fronte do dispositivo" contraincendios

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2017 | Actualizada ás 15:09 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O BNG proporá a En Marea e PSdeG facer uso do mecanismo de que dispón a oposición para activar de forma automática unha comisión de investigación sen o apoio da maioría parlamentaria e encomendar a este órgano a análise da xestión da Xunta na vaga de incendios que arrasou Galicia o pasado mes de outubro.

Ponton Pide Cese Dtor Xeral Montes E Propon En Marea E Psoe Comision Investigaci
Ponton Pide Cese Dtor Xeral Montes E Propon En Marea E Psoe Comision Investigaci | Fonte: Europa Press

Avanzouno a portavoz do Bloque, Ana Pontón, nunha rolda de prensa na que condicionou esta iniciativa a que o PPdeG non acepte "acordar" os asuntos que se haberán de debater na comisión de estudo anunciada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. E é que, ao seu xuízo, este órgano non pode abordar unicamente a política forestal sen incluír a xestión das emerxencias.

Neste sentido, reclamou ao PPdeG que non impoña "vetos" nin "límites" a esta comisión, xa que os galegos teñen "dereito a saber" como se actuou durante a vaga de incendios que desembocou nun "desastre ecolóxico e ambiental" e que provocou un importante custo en "vidas humanas", con catro falecementos.

Con todo, ante a posibilidade de que o grupo maioritario decida "impor o rolo", tendeu a man ao resto da oposición para activar automaticamente unha investigación parlamentaria. "Para que os galegos coñezan a verdade", argumentou, consciente da súa "responsabilidade con Galicia". Neste contexto, avogou por ser "rápidos" e tomar decisións nos próximos días.

Así mesmo, despois de que transcendese que o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, está a ser investigado pola Xustiza por supostas irregularidades na adxudicación do contrato dos helicópteros contraincendios, Pontón sinalou que esta situación engade razóns á súa solicitude de investigar a fondo.

"GALICIA MERECE UN GOBERNO LIMPO"

Ao fío diso, reiterou unha petición de cesamento "inmediato" que xa fixera trala vaga de incendios e que agora non só descansa en que a política forestal que levou a cabo ao longo de máis de 20 anos converteu o monte galego "nunha polvoreira".

Ante a existencia de "dúbidas razoables" sobre a súa xestión, "non pode seguir" no seu posto, advertiu a portavoz do Bloque, desde o convencemento de que "é imprescindible que non siga á fronte do dispositivo unha persoa sobre a que pesan sombras de dúbida".

"Galicia merece un goberno limpo e ter a seguridade de que quen administra os nosos recursos son persoas de fiar", remachou, para concluír que a Feijóo "se lle acaban os argumentos" para oporse a que se investigue todo o que garda relación cos lumes.

"TODOS CULPABLES"

Exposto isto, Pontón censurou que o presidente autonómico siga "encastelado" e "só preocupado" por construír "un relato autoexculpatorio" da xestión dos incendios no que "todos son culpables" mentres a Xunta está "limpa de calquera responsabilidade".

"É unha falta de respecto aos galegos", xulgou, após sinalar que a análise das situacións de crises "non se pode pechar en falso". De feito, desde o seu punto de vista, o adecuado sería verificar a xestión para evitar que aquilo que puido saír mal "repítase".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta