(AM) A oposición pide unida que compareza a conselleira de Medio Rural ante a imputación de Fernández-Couto

En Marea, PSdeG e BNG volven esixir a súa destitución, tanto pola súa política forestal como pola investigación aberta

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2017 | Actualizada ás 20:22 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O tres grupos da oposición --En Marea, PSdeG e BNG-- pediron conxuntamente a comparecencia da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, por mor da imputación do director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto.

Así, toda a oposición reaccionou conxuntamente após coñecerse a investigación aberta sobre o máximo responsable da loita contra os incendios forestais por irregularidades na contratación de medios aéreos de extinción.

Concretamente, o director xeral de Ordenación Forestal da Xunta está a ser investigado por un presunto delito de prevaricación nunha causa aberta polo xulgado de instrución número tres de Santiago ao redor da adxudicación do servizo de helicópteros de loita contra incendios nas campañas de 2011, 2012 e 2013.

A instrución iniciouse após unha denuncia presentada pola Fiscalía en 2013. Ademais de Fernández-Couto --que xa declarou como investigado en abril-- están imputado o ex secretario xeral técnico da Consellería de Medio Rural Francisco José Vidal Pardo e o ex subdirector xeral de prevención contra incendios José Carlos Costas López.

EXPLICACIÓNS "CLARAS E CONVINCENTES"

Ante esta imputación, que "acaba coa paciencia dos galegos" segundo o portavoz de Agricultura do PSdeG no Parlamento, José Antonio Quiroga, esixiu á conselleira que dea "explicacións claras e convincentes".

Non en balde, lembrou que a utilización de medios privados para a extinción de incendios "hai tempo que levanta dúbidas" e, por iso, volveu a reclamar "un modelo de xestión pública".

Ademais, o socialista volveu a reclamar a destitución de Fernández-Couto, baseándose en que "a súa imprudencia e falta de previsión axudaron a converter en catastróficos os incendios de outubro", e urxiu unha reforma da política forestal seguida até agora.

XESTIÓN "DESASTROSA"

Así mesmo, En Marea esixiu que a conselleira renda contas sobre o proceso de adxudicación e reiterou a petición de cesamento "inmediato" deste alto cargo polo seu "fracaso" en materia forestal e após "o domingo negro" nos montes galegos.

"Alguén debe asumir os erros", apostilou a formación rupturista, que tachou de "desastrosa" a xestión da vaga de incendios do pasado mes de outubro.

"DÚBIDAS RAZOABLES"

Pola súa banda, o BNG sumouse á reclamación de que a conselleira acuda á Cámara para dar explicacións despois de que o seu portavoz nacional, Ana Pontón, xa esixira unha vez máis a destitución de Fernández-Couto.

Aínda que esta petición a dirixía por mor da vaga de incendios, agora engadiu aos seus argumentos as "dúbidas razoables" que existen sobre a súa xestión.

Xa non é só, como dixo, que a súa política forestal ao longo de máis de 20 anos converteu o monte galego en "un polvorín", senón que "non pode seguir" no seu posto mentres está a ser investigado pola Xustiza por cuestións relacionadas co dispositivo contraincendios.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta