A sorte non está botada

Supoño que tod@s aprenderemos algo co proceso catalán. As interpretacións son todas posibles -aínda que non sexan cribles-, mentres que as transformacións son sempre cribles -aínda que todas elas non sexan posibles nalgun tempo-.

Por Fermín Paz | Ferrol | 13/11/2017

Comparte esta noticia
Ao meu xuízo, a análise do sucedido pretende deixar clara unha premisa: o conflito nace nunha tentativa de reforma do Estatuto de Autonomía. Primeiro con apoios moi maioritarios no parlamento catalán, entre os cidadáns desa nación e suficientes no parlamento español; despois cun embarrancamento definitivo no tribunal constitucional. Mais adiante, o Partido Popular segue botando leña ao lume. No Goberno Español e na Corte dos Milagres recréanse coa súa cegueira do “adrede”. Deseguida, a parálise institucional degrada por momentos o conflito; a inacción duns convive coa evolución doutros. A crise do sistema dá paso á vez a un fraccionamiento político e social sen precedentes desde o final da ditadura.
 
Este breviario de antecedentes axuda a comprender o aparantemente incomprensible. A burguesia catalá, noqueada polos innumerables casos de corrupción en todo o entramado de Convergencia e Unió, inicia unha fuxida cara adiante e o reformismo inicial dos autonomistas convértese en algo de máis calado. Se estivésemos diante un proceso electoral calquera, podería cualificarse a operación como transformismo político.
 
Mais estabamos noutro escenario e o rechamante do proceso é que o autonomismo necesitaba (na súa valoración) sumas e restas para producir unha corrente novidosa na política catalá. Aparece unha nova formulación, agora soberanista, na que aínda coexisten o antes e o agora para transitar cara a un despois con formulacións iniciais moi difuminadas. 
 
Neste camiñar, pasamos dun oportunismo  forxado na conxuntura a un agora estrutural e revolucionario polo seu reclamo de independencia de xeito unilateral. E iso foi debido á suma desta dinámica interna que unha parte importante de sociedade catalá organizada demanda para saír da lameira. Paralelamente, dia a día, tanto en Madrid como en Barcelona pódese constatar como todas as pontes quedan dinamitadas polo PP, a crise do PSOE e os equilibrismos dos diferentes sectores de Podemos.
 
A conformación dun estado novo que declara a independencia de forma unilateral é un acto revolucionario. Así debe considerarse se se leva adiante. Outra cousa é que no entramado soberanista de “Junts pel si” moitos dos seus dirixentes cresen que esta estratexia era a mellor para forzar unha negociación co Estado español para reformar o status quo actual e así o foron trasladando ao seu movemento e gañando apoios. Xa que logo, a segunda premisa que establezo é esta: faise un acto revolucionario sen pretendelo. Claro, ao non estaren preparados para esta contenda, con todo o que supón e as dificultades que conleva, non me estraña que o soplido do 155 pareza un vendaval. 
 
A forma de República non é o sustantivo (ainda que sexa necesario). Está na lóxica política do que se quere facer. Pero queda para mellor ocasión para quen queira debater sobre as contradicións e a seu ordenamiento neste conflito.
 
Nun análise sosegada,  teríamonos que preguntar se un proceso revolucionario se pode concibir desde os despachos e as asesorías de todo tipo? Aínda que pareza unha pregunta moi sintetica e sinxela, é a clave. A miña resposta: unha revolución non é simplemente un acto administrativo ou xurídico e o mais fodido é que algunhas cabezas “pensantes” fixérono crer a quen acompañaron e empuxaron desde abaixo. Quizais nesas instancias obteñamos fío para tecer e entender a perspectiva belga, a fuxida de empresas significativas, o xiro editorial dalgúns medios de comunicación, o efecto dominó da ofensiva españolista e o novo cenario legal en que haberá que moverse
 
Matino se algunha tese histórica podería formularse  doutro xeito (que sempre me pareceu que perseguía a maioría da dirección do eixo soberanista e, polo visto e oído, algúns sectores aínda o manteñen): a loita pola independencia é o medio; a reforma constitucional para un novo status quo de Cataluña é o fin.
 
No lado das potencialidades do proceso, teño que citar un argumentario cunha boa armazón xurídica, informativa, publicitaria que foi quen de ilusionar e aglutinou sensibilidades políticas moi diferentes e moitas veces enfrontadas. Á vez, construír organización para acompañar e empuxar. Pesie a todo, o que se estaba facendo parecia tirar por terra todas as previsións sobre un proceso revolucionario e a formulación desta nova tese política, na cal, os medios e o fin ordénanse de forma diferente para obter unha resultante certamente sorprendente pero non descartable. 
 
Entre as debilidades manifestas só debo destacar (por cuestións tácticas) a incorreción de entregar a iniciativa ao contrario e quizais a falta de paciencia debida a que a acción ten demasiado sustento na devandita armazón e onde o organizativo e discursivo están orientados sobre a confianza exclusiva do institucional, o proeuropeismo e a non violencia. A independencia debe comezar coa súa declaración, no momento xusto, pero ten moito mais percorrido por ser unilateral e nun marco político concreto. Quebec, Escocia, Eslovenia ou as exrepúblicas xugoeslavas non serven como exemplo, porque teñen unha diferenza de partida: ou ben houbo acordo para un referendúm ou un interese internacional de reequilibrio xeopolítico.
 
Tempos daquela maneira para a lirica e para a liberdade de todas as patrias. En política tamén é aplicable o segundo principio da termodinámica. Nada está perdido; hai que transformar os erros en acertos, e confrontar deseguido. Non hai atallos nin ceacús para acadar unha independencia real.
 
A realidade imponse. O que non se fixo antes ou o que se fixo daquel xeito, aínda non pasou o tempo para  o facer ben. Cataluña e as demais nacións que actualmente conformamos o Estado Español non temos que ter medo a perder na nosa loita pola liberdade, nin até a nosa propia. É mais fácil solucionar un erro que corrixir unha deriva ou anomalía histórica. Se xogamos cun contrario, aceptando as súas barallas marcadas e que reparta cartas, non confiemos exclusivamente na sorte.
 
A sorte é tan imprevisible que o mesmo Xulio César xa o sabía ao cruzar o Rubicón.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.