Temas: LUGO

O Concello de Lugo critica á oposición por querer formar parte das mesas de contratación

Lembra que o BOE xa publicou a nova Lei de Contratos, que prohíbe aos políticos estar en órganos de contratación.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 10/11/2017 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

O Executivo socialista de Lugo decidiu días despois de tomar posesión que só os técnicos formasen parte das mesas de contratación. Unha decisión na que se adiantaron á aplicación desta norma aprobada o pasado outubro no Congreso e seguindo as directrices europeas, 

Pleno no Concello de Lugo
Pleno no Concello de Lugo

"A nova Lei tira por terra as pretensións dos grupos municipais da oposición de volver a estar nestes órganos, a favor do que votaron no último Pleno", critica o goberno de Lugo nun comunicado.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba estes xoves a nova Lei de Contratos do Sector Público, unha norma que, entre as súas disposicións, recolle que “en ningún caso poderán formar parte das mesas de contratación nin emitir informes de valoración das ofertas os cargos públicos representativos, nin o persoal eventual”. Isto é, os políticos non poderán formar parte deste órganos. A nova Lei de Contratos foi aprobada no Congreso tras rexeitarse cos votos de PSOE, Unidos Podemos, PNV, ERC e PDeCAT as emendas presentadas polo PP.

O executivo lucense decidiu tan só uns días despois de tomar posesión, en xuño de 2015, unha nova composición das mesas de contratación segundo a cal só formaran parte das mesmas os técnicos, adiantándose deste xeito á nova Lei de Contratos e seguindo as directrices europeas, ao entender que “a política non debe estar nas mesas de contratación, senón no deseño e control das políticas de contratación. "Son órganos estritamente técnicos, que resolven en función de criterios obxectivos e avaliables tecnicamente. Debemos separar o plano político do funcionarial”, subliñaban desde o grupo municipal socialista.

A nova lei, que entrará en vigor en marzo, "tira por terra polo tanto as pretensións dos grupos municipais da oposición de volver a estar nestes órganos de contratación, algo a favor do que votaron no último Pleno ordinario a raíz dunha iniciativa do PP", lembran desde o Concello de Lugo. Neste sentido, a Concelleira de Economía lembrou en calquera caso que as mesas de contratación son actos públicos, polo que, de estar interesados, os concelleiros poden acudir, aínda que ata o momento ningún estivese presente en ningunha das ducias de reunións celebradas no que vai de mandato.

Temas: LUGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta