Unhas 300 persoas saen ás rúas de Pontevedra en manifestación para defender os empregos de Elnosa

Unhas 300 persoas saíron este venres en manifestación polas rúas de Pontevedra para defender os empregos na empresa Electroquímica do Noroeste S.A. (Elnosa).

PONTEVEDRA | 10/11/2017 | Actualizada ás 21:04 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Unhas 300 persoas saíron este venres en manifestación polas rúas de Pontevedra para defender os empregos na empresa Electroquímica do Noroeste S.A. (Elnosa).

Esta mobilización, que partiu ás 20,15 horas da Praza da Ferrería tras unha pancarta co lema 'Postos de traballo dignos na nosa terra' e concluíu na Praza de España, contou co apoio de CC.OO, o comité de empresa de ENCE e concelleiros de PP e Cidadáns.

A manifestación obedece a que o próximo 11 de decembro termina a moratoria concedida pola UE para que as empresas de fabricación de cloro deixen de usar mercurio nos seus procesos industriais.

É o caso da planta de Lourizán, que, despois de 51 anos operando na ría de Pontevedra, verase abocada a paralizar parte da súa produción por empregar este elemento. Elnosa produce sobre todo cloro, pero tamén ácido clorhídrico, hidróxeno, hipoclorito de sodio e sosa cáustica.

Segundo o presidente do comité de empresa, Avelino García, agora "a xente está á expectativa". "Temos unha data de caducidade e a día de hoxe non sabemos como vai quedar o cadro de persoal", expuxo.

CAMBIOS NA COMPAÑÍA

O grupo CUF (Companhia União Fabril), propietario de Elnosa, previu como alternativa para non suspender a súa actividade centrar a súa produción na elaboración de hipoclorito de sodio.

Paralelamente, a multinacional lusa, pertencente ao grupo José de Mello, está a tramitar os permisos para implantar a tecnoloxía de membrana que esixe a Unión Europea.

Avelino García espera que este recorte da produción sexa "algo transitorio" mentres se resolve o futuro, pero descoñece como vai afectar ao cadro de persoal, de aí a manifestación deste venres, que exterioriza a "preocupación xeral" dos empregados e as súas familias.

O cambio de tecnoloxía contaría, segundo as cifras manexadas, cun orzamento de algo máis de 40 millóns de euros e un prazo de execución duns dous anos.

XUNTA E CONCELLO

Esta reconversión requirirá unha serie de obras que necesitan licenza do concello, que xa rexeitou o Plan Especial de Reforma Interior presentado pola clorera para tentar dar encaixe legal aos traballos.

Neste escenario, os traballadores instan á Xunta a que aprobe un plan sectorial de incidencia supramunicipal que evite pedir licenza ao Concello de Pontevedra.

Pero a clorera pontevedresa tamén debe renovar este mes de novembro a Autorización Ambiental Integrada que concede a Xunta e conseguir a prórroga de Costas para seguir producindo en Lourizán máis aló de 2018.

"Isto é algo que nos preocupa porque non se dá resolto", apuntou Avelino García, para esixir "que se resolva dunha vez, porque iso é o que está a frear á empresa para tomar decisións".

Segundo informaron desde o comité de empresa, a día de hoxe, Elnosa conta cun cadro duns 60 traballadores, produce 34.000 toneladas de cloro ao ano e factura uns 30 millóns de euros anuais.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta