O Breogán, oito e invicto

O Cafés Candelas vence 70-74 a Palencia e suma a oitava vitoria en oito partidos. Guille Rubio, o mellor dos lucenses con 18 puntos e 10 rebotes. O vindeiro sábado, Manresa no Pazo.

Por gcdeportes | Lugo | 10/11/2017 | Actualizada ás 23:47

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Chocolates Trapa Palencia 70:
Enric Garrido (2), Pressley (6), Carlos Toledo (2), Urko Otegui (6), Ruffin (8) –cinco inicial-  Jordi Grimau (21), Lamont Barnes (7), Sergi Pino (8), Cvetinovic (8) e Campara (2).
Cafés Candelas Breogán 74: Christian Díaz (8), Salva Arco (18), Löfberg (4), Guille Rubio (18), Sulejmanovic (5) –cinco inicial-  Demetrio (4), Matt Stainbrook (8), Danilo Fuzaro (4), Ricardo Úriz (5) e Sergi Quintela (0).
Parciais: 21-17, 16-17 (37-34), 16-22, 17-18 (70-74).
Árbitros: Antonio Zamora Rodríguez e Alejandro Aranzana García. Eliminaron por cinco faltas persoais a Otegui e Ruffin no Palencia.
Incidencias: partido da 8ª xornada da LEB Ouro no pavillón Padre Adolfo Nicolás de Villamuriel de Cerrato (Palencia).

Con sufrimento, sumando dende o tiro libre na recta final, pero o Breogán segue invicto e suma xa oito vitorias inmaculadas. Gañou 70-74 a Palencia, que viña de acadar tres vitorias consecutivas, malia as 17 perdas de balón. Destacou Guille Rubio, con 18 puntos e 10 rebotes, e 18 máis para Salva Arco. Matt Stainbrook sumou 8 puntos (6 case consecutivos no último cuarto), 6 rebotes e 4 asistencias. O vindeiro sábado, Manresa, o outro gran favorito ao ascenso, visita o Pazo. Duelo de aspirantes.

Pouco acerto no arrinque, cun 8-8 en cinco minutos. Salva Arco sumaba para o Breogán, pero Jordi Grimau pechou o cuarto cunha tripla e os lucenses perdían 21-17 xa con sete perdas de balón nos primeiros dez minutos. Danilo Fuzaro e Löfberg empataron o partido (25-25), pero seis puntos en dous ataques locais obrigaron a Natxo Lezcano a parar o partido con 31-25. Guille Rubio e Sulejmanovic achegaron ao Breo (35-34), e Urko Otegui puxo o 37-34 ao descanso, con 2/9 en triplas para os lucenses.

Trala reanudación, Grimau puxo a máxima vantaxe para Palencia (43-36). Un forte bloqueo de Matt Stainbrook a Garrido levou o base local ao banco e cambio o rumbo do choque. Salva Arco, con 9 puntos e dúas triplas, puxo por diante a Breogán (47-49). Palencia igualou o encontro tras un tempo morto pero Christian Díaz mantivo a vantaxe lucense (53-56) a falla de dez minutos.

Christian Díaz anotou a súa segunda tripla (56-61) e obrigou a Joaquín Prado a pedir tempo morto. Reaccionou Palencia cun parcial de 7-0 e foi Natxo Lezcano quen parou o partido con 63-61. Matt Stainbrook desatascou o ataque lucense con 6 puntos case consecutivos para un 65-69 a dous minutos do final. Salva Arco puxo o 65-70 que semellaba definitivo, pero os árbitros sinalaron unha técnica ridícula a Löfberg que deu novas esperanzas a Palencia. Dous tiros libres de Arco e 67-72, pero Grimau anotou unha tripla (70-72) para estender a incerteza lucense ata o final. E máis cando Ricardo Uriz errou dous tiros libres, menos mal que Cvetinovic fallou a tripla e Guille Rubio sentenciou (70-74) dende o tiro libre. Oito vitorias inmaculadas para CB Breogán.

Os celestes celebran a oitava vitoria en Palencia.
Os celestes celebran a oitava vitoria en Palencia. | Fonte: @suso38

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta