Temas: A CORUñA

O Concello da Coruña busca novo logotipo máis “atlántico e cosmopolita”

Convoca un concurso de ideas para deseñar unha nova marca turística que reflicta “o carácter atlántico, cosmopolita e inspirador da Coruña”.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/11/2017 | Actualizada ás 10:25

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña quere un logo “máis atlántico e cosmopolita”. Por iso, o Consorcio de Turismo da Coruña, presidido polo concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, convocou un concurso de ideas aberto á toda a cidadanía e dotado cun premio de 9.000 euros co fin de escoller unha nova marca turística para a cidade.

Logotipo da Coruña
Logotipo da Coruña | Fonte: coruna.gal

O seu obxectivo é que reflicta o seu carácter "atlántico, cosmopolita e inspirador", e que sexa empregada nas comunicacións, merchandising e publicidade deste ente dependente do Concello da Coruña. As bases atópanse xa dispoñibles no perfil do contratante da web do Consorcio de Turismo (www.turismocoruna.com), onde se especifica que o obxecto deste concurso é "seleccionar traballos de creatividade e deseño para a creación da imaxe turística da marca A Coruña". 

Os traballos, que poderán presentarse até o 21 de novembro, deben ser orixinais e basearse na construción unha marca atractiva e diferente inspirada nos recursos e valores da cidade. Segundo comentou Lema, este procedemento aberto, está directamente relacionado "coas fortalezas turísticas que detecta na cidade o noso recente Plan Estratéxico de Turismo".

Cidade atlántica 

"Ese documento, que conta con respaldo tanto do goberno local como do sector turístico da cidade, incide en que A Coruña é unha cidade cunha imaxe moderna,  amable e de vangarda á que nunca se lle sacou partido", indicou. En concreto, o Plan Estratéxico de Turismo especifica que "A Coruña é unha cidade atlántica cunha gran identidade cultural, e unha paisaxe e unha contorna especial, ademais de contar cun monumento patrimonio da humanidade como é a Torre de Hércules". 

O mesmo tamén destaca a calidade humana da cidade, así como o seu estilo de vida propio, marcado polo mar, e o seu carácter inspirador, ateigada de persoas creativas e que xeraron tendencia (Lugrís, Picasso, Luís Seoane, Manuel Rivas, Emilia Pardo Bazán, Curros, Manuel Gallego Jorreto). "Á hora de 'vendernos' cara ao exterior dunha forma sostible e realmente proveitosa tamén é necesario que destaquemos que somos unha cidade con excelentes equipamentos culturais e profesionais, cunha oferta cultural, de ocio e de música ao vivo moi heteroxénea e cunha gastronomía que combina tradición e innovación", engadiu. "Ese é o espírito que se ten que ver reflectido nesta imaxe que queremos abrir, de forma participada, á cidadanía", dixo.

Temas: A CORUñA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xan von cárallan

Por fin. Menuda mer-da de logo.