Este Obra non ten teito

O Obradoiro vence 79-65 a Herbalife Gran Canaria e suma a sexta vitoria en oito partidos, a cuarta consecutiva, para alongar o seu histórico arrinque na ACB. Matt Thomas, decisivo con 17 puntos tralo descanso.

Por gcdeportes | Compostela | 11/11/2017 | Actualizada ás 23:07

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Monbus Obradoiro 79:
Pepe Pozas (9), Matt Thomas (20), Bendzius (2), Nacho Llovet (6) e Artem Pustovyi (13) –cinco titular- Albert Sábat (2), David Navarro (13), Corbacho (2), Radovic (12) e Martins Laksa (0).
Herbalife Gran Canaria 65: Gal Mekel (8), Balvin (3), Oriol Paulí (8), McKissic (5) e Eulis Báez (13) -equipo titular- Oliver (4), Eriksson (9), Seeley (7), Pasecniks (4), Xavi Rabaseda (2) e Luke Fischer (2).
Parciais: 17-20, 15-13 (32-33), 22-16, 25-16 (79-65).
Árbitros: Carlos Peruga, Jordi Aliaga e Arnau Padrós. Eliminaron por cinco faltas a Eulis Báez.
Incidencias: partido da 8ª xornada da ACB disputado no Fontes do Sar ante 5.062 espectadores.

Artem Pustovyi, 13 puntos e 8 rebotes, machaca a canastra rival.
Artem Pustovyi, 13 puntos e 8 rebotes, machaca a canastra rival. | Fonte: @ACBPhoto

Seis de oito e catro consecutivas. Segue o arrinque histórico na ACB dun Obra que non ten teito. Unha nova vitoria nun Fontes do Sar inexpugnábel. “Traballo defensivo e crer na vitoria”, sentenciou Moncho Fernández. Herbalife Gran Canaria, o terceiro mellor ataque da liga (89 puntos por partido), quedouse en tan só 65 puntos en Compostela e caeu por 79-65. Con seis triunfos en oito xornadas, a afección compostelá comeza a soñar coa Copa. Vindeiro rival, de novo en Sar, o Tenerife.

E iso que Gran Canaria comezou marcando o ritmo do encontro, e sumando dende o tiro libre (5-10). Foi da man de Pepe Pozas (6 puntos), que os composteláns igualaron o encontro (13-13). Pero malia a catro puntos de Radovic, os de Luis Casemiro acabaron o primeiro cuarto por diante (17-20). Obradoiro tardou máis de tres minutos en anotar e tres triplas canarias abriron oco para os visitantes (17-29), obrigando a Moncho Fernández a parar o partido. A bronca do técnico galego surtiu efecto, e dúas triplas de David Navarro deron folgos ao Obra, que apertou en defensa e igualou o encontro tras un parcial de 10-0. Casemiro parou o choque con 27-29. Pero Matt Thomas anotou a súa primeira canastra, unha tripla, para empatar o partido 32-32. No tempo de lecer, 32-33.

Trala reanudación, mantiveron os de Moncho Fernández o nivel defensivo, gañando a decisiva batalla do xogo interior. Os puntos de Matt Thomas puxeron por diante ao Obra (39-35), pero Gran Canaria, liderado por Eulis Báez, respostou cun parcial de 0-7 para poñerse 39-42. Un espellismo que non durou nada. Obradoiro seguiu firme en defensa e fíxose co mando do partido. Outra tripla de Navarro, os puntos de Pustovyi e 54-49 antes de chegar ao último cuarto.

Gran Canaria só anotou unha canastra en catro minutos, e Obradoiro foise no marcador tras seis puntos case consecutivos de Matt Thomas (62-51). A falla de seis minutos, os de Luis Casemiro xa acumulaban 17 perdas de balón. Un 2+1 do base israelí Gal Mekel apertou un chisco o marcador (62-56), pero outra tripla de Thomas e os puntos de Pustovyi e Radovic afastaron o Obra de xeito definitivo (71-59). Ao final, os composteláns venceron cun claro 79-65 para ledicia da caldeira de Sar, que soña con repetir na Copa por méritos propios.

O equipo compostelán celebra a 8ª vitoria coa afección.
O equipo compostelán celebra a 8ª vitoria coa afección. | Fonte: @OBRADOIROCAB

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta