10 de 10 en Opinión anterior

O tripartito dinástico

O Xefe do Estado reivindicou a vía da represión e pechou a vía da negociación no seu discurso do 3-O e PP, PSOE e C´s asumiron a solución extrema-e inconstitucional-de cesar ao Govern e disolver o Parlament.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 12/11/2017

Comparte esta noticia
Ao tempo, a apelación ao castigo penal e a priorización das solucións represivas xeraba en todo o Estado unha onda de nacionalismo español que mesmo reivindica ideas e xeitos de expresión até de agora patrimonio exclusivo da extrema dereita. Rexurde a España do “a por ellos”, que algúns acreditaban superada.
 
PP e C´s gañan xogando esta vía. Os laranxas albiscan a posibilidade de constituir o eixo dunha maioría unionista no Parlament e o PP gosta xogar en campos enlamados, na lóxica amigo-inimigo e na división social, ademáis de agachar a presenza abafante da corrupción (velaí ao inspector-xefe da UDEF recoñecendo a percepción por parte de Rajoy de sobresoldos en “B”) e unha desigualdade social que xa é a segunda máis importante da Europa.
 
Mais non se entende o papelón que está a xogar o PSOE. A afiliación elixiu Pedro Sánchez co obxectivo de construir unha nova maioría parlamentaria que desaloxase ao PP. En troques, a nova dirección socialista asumiu acriticamente unha política que nin é a súa nin é a que lle piden as súas bases electorais ( un 54% dos cidadáns fóra de Catalunya amósanse partidarios dunha solución negociada). Deste xeito, o PSOE mércalle o discurso territorial ao PP sen ningunha caste de contrapartida. De feito, voceiros autorizados do PP xa manifestaron que na comisión parlamentaria para a reforma constitucional, creada pola iniciativa socialista, estudaranse non só fórmulas para afondar na descentralización, senón a posibilidade de recentralizar, recuperando competencias como a educación. Velaí que sexa o PSOE o que xoga no campo do PP.
 
Malo que o PSOE non sexa quén de artellar unha maioría parlamentaria que desaloxe a un PP enchoupado na corrupción. Mais tamén que non sexa quen de artellar maiorías lexislativas para derrogar a “lei mordaza” ou reformar fondamente as contrareformas do PP no sistema educativo e no réxime local. Con só 137 deputados o PP goberna como se tivese maioría absoluta.
 
O tripartito dinástico amosa ideas e procedementos antigos, propios dunha democracia de baixa calidade e dunha sociedade cada vez menos inclusiva. Os problemas non se solucionarán. Perderemos prosperidade e liberdades.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.