Lídia Senra: “Existe un forte retroceso nos dereitos das mulleres, mesmo dentro da esquerda”

A eurodeputada pide tolerancia cero co machismo e pelexar para ter feministas nos postos que responsabilidade que a cotío continúan a ocupar os homes. “Cantas mulleres hai alcaldesas, secretarias xerais ou portavoces?”, preguntouse.

Por Galicia Confidencial | Cangas | 13/11/2017 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

A eurodeputada galega Lídia Senra advertiu esta fin de semana en Cangas “dun retroceso moi forte” nos dereitos das mulleres, “mesmo dentro das propias organizacións de esquerda ás que pertencemos ou coas que traballamos”. Fíxoo o pasado sábado durante a primeira parte da xornada “O empoderamento das mullleres na esquerda política social”.

Lídia Senra no medio da concelleira de Marea Marín,Sandra Pesqueira, e de Margarida López Barreiro, concelleira de Marea de Vigo
Lídia Senra no medio da concelleira de Marea Marín,Sandra Pesqueira, e de Margarida López Barreiro, concelleira de Marea de Vigo

Durante o coloquio “Mulleres implicadas política e socialmente fronte ao machismo diario que continúa a imperar na maioría de organizacións de esquerda”, Senra criticou a belixerancia que moitas veces amosan compañeiros de partido cando as mulleres avanzan e criticou os atrancos que se lle poñen ás mulleres para ter presenza nas delegacións de maior importancia. 

“O tempo que se dedica nas campañas electorais a falar da situación e das propostas das mulleres é mínimo”, criticou. Así, denunciou que a pesar de que os programas electorais se moven no politicamente correcto e teñen capítulos dedicados a defender supostamente os dereitos das mulleres, cando chega o momento da campaña non se fala practicamente nada de medidas para acabar coa fenda salarial coa fenda nas pensións ou coa violencia machista, por exemplo.

Lídia Senra afirmou  que a loita feminista ten conseguido espazos nas últimas décadas e asegurou que é triste, pero é así, que “se non nos tiveramos dotado do instrumento das cotas, moitas das mulleres que hoxe están en distintos postos de representación non o estarían”. Parabenizou que moitas leis foron aprobadas grazas á presión das mulleres. Non obstante, chamou a facer moito máis para reverter unha realidade na que, a día de hoxe, por exemplo, nas reunións de órganos de goberno como pode ser o colexio de comisarios da UE habitualmente non se dedique case nada de tempo a falar de proposta para combater a gravísima lacra da violencia machista.

Tolerancia cero con “compañeiros de partido”

Así, chamou a exercer a “tolerancia cero” co machismo, aínda que quen o exerza sexan compañeiros de partido ou de escano e reclamou que se poñan enriba da mesa sempre todas as agresións machistas. Por iso, enumerou unha serie de prioridades a levar a cabo, entre as que citou a necesidade de seguir a fortalecer espazos nos que debater as mulleres para poder encauzar as batallas. 

Lidía Senra no Parlamento Europeo
Lidía Senra no Parlamento Europeo

Tamén cre necesario revisar como se fan as listas electorais. “Aínda que conseguimos que se fagan listas paritarias e que cada vez máis mulleres accedan ás institucións, o certo é que os primeiros postos continúan a reservarse para homes. Cantas mulleres hai alcaldesas, secretarias xerais ou portavoces?”, preguntouse. “Parece que temos ese tope que non damos saltado e isto ten que cambiar, debemos debater como se están a aplicar as cotas”, dixo. 

Así, instou a pelexar para ter feministas en todos os espazos e tamén cre necesario realizar unha avaliación en profundidade sobre que é o que está fallando na aplicación das leis actuais para que a violencia machista continúe a ser unha lacra. “Hai falta de recursos e tamén un déficit de formación en quen ten que aplicar a lei, sexan funcionarios/as ou xuíces ou xuízas”, considerou. Por iso, dixo, é necesario avanzar na aprobación e implementación de leis ambiciosas e fortes que defendan os dereitos das mulleres.

No coloquio tamén interveu como relatora a concelleira de Marea Marín Sandra Pesqueira, quen na mesma liña que Senra criticou que efectivamente, nas organizacións sociais, políticas e sindicais de esquerda que se declaran feministas seguen vixentes prácticas entre compañeiros que deberían estar desterradas hai tempo e que de feministas non teñen nada. “Nos debates, nas iniciativas, sempre hai algo supostamente máis importante ou prioritario que impide que as reivindicacións das mulleres sexan tratadas coa prioridade que se merece”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Así se fala

E a proba é que fose xente asistir ao teu acto despois dos despedimentos por "estar casada ou mantener relación análoga ao matrimonio" cun señor dun sindicato que caía mal cando estabas de responsable de org. do SLG. Hai que tela de cemento para vir logo falando de participacion das mulleres

1 anonimo

Vale, ¿ concretamente en cales dereitos hai " retroceso" ? Porque así, sen concretar, calquera larga panfletos.