Temas: INCENDIOS LUMES

Medio Rural cesa este mes case o 55% do dispositivo contra incendios

CCOO alerta de que a cifra sobe ao 65 % se se conta a parte do operativo que depende da empresa pública SEAGA.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/11/2017 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

Comisións Obreiras denuncia que a Consellaría do Medio Rural cesa este mes case o 55 % do Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Con data do 12 de novembro, o departamento autonómico deixou sen traballo 436 traballadores, ás que se sumarán outros 626 a partir do día 30. Trátase dos integrantes do SPDCIF con contratos fixos-descontinuos de tres e nove meses, respectivamente.

Un brigadista loita contra o lume no Xurés
Un brigadista loita contra o lume no Xurés

CCOO alerta deste "desmantelamento" do dispositivo, que se incrementaría ao 65 % se se contase a parte do operativo que depende da empresa pública SEAGA. O sindicato denuncia que, ao tempo que persoal do servizo público vai ao paro, continúan a prestar servizo empresas privadas, como é o caso da UTE Babcock-Natutecnia. Nun comunicado, este sindicato salienta este paradoxo, máis aínda na mesma semana en que se coñeceu a investigación aberta contra o director xeral de Ordenación Forestal en relación coa contratación de medios aéreos.

As trinta medidas de Feijóo non achegan nada novo

En referencia ás trinta medidas anunciadas por Feijóo días atrás na súa proposta de acordo forestal, CCOO sinala que "non achegan nada novo". "Máis da metade xa as recolle a lexislación vixente: dezaseis das propostas significarían unicamente cumprir o que di a lei", denuncia. Outras, di, fan referencia leis anteriores ao 2009 e que xa foron derrogadas. Unicamente seis das propostas rectificarían a política aplicada ata agora pola Xunta.

O sindicato reclámalle á Xunta un compromiso por mellorar a situación, máis aínda cando mantén un corpo profesional de bombeiros forestais "totalmente en precario", con 1062 traballadores que non poden traballar todo o ano e con máis do 50 % dos efectivos con contratos temporais.

CCOO pide unha mesa de diálogo e negociación para modificar as funcións do SPDCIF, encamiñadas non só á extinción, senón tamén á prevención. Así mesmo, aposta pola integración de todos os colectivos do operativo público nun único servizo cun mando único.

Temas: INCENDIOS LUMES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta