Temas: SECA PONTEVEDRA

Augas chama xa aos concellos a reducir o consumo de auga na comarca de Pontevedra

Alcaldes reclaman unha "solución global" á seca e esperan "sentar as bases dunha nova relación" entre concellos e Xunta. Ence unicamente poderá usar o 50% do caudal que ten concedido se persiste a seca.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2017 | Actualizada ás 17:03

Comparte esta noticia

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, presidiu este luns a reunión de coordinación cos doce concellos afectados pola activación da alerta por seca no sistema do Río Lérez e Ría de Pontevedra, na que lles requiriu información para establecer con cada un deles "obxectivos e metas concretas para reducir o consumo" de auga.

A seca provoca que o encoro de Portomarín descubra o antigo pobo
A seca provoca que o encoro de Portomarín descubra o antigo pobo

Ao encontro asistiron representantes dos concellos de Pontevedra, Marín, Bueu, Vilaboa, Poio, Sanxenxo, Barro, Ponte Caldelas, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e A Estrada, aos que o director de Augas de Galicia indicou que "na actualidade o abastecemento á poboación está garantido".

Non entanto, aclarou que este "non é ilimitado" e para paliar os posibles efectos desta situación de seca debe producirse un incremento das achegas hídricas, ou ben con choivas "situación que non depende das administracións", ou ben reducir os consumos, "empezando por aqueles que non son prioritarios". Roberto Rodríguez instou aos concellos para que, "dentro do ámbito das súas competencias", adopten algunhas medidas como son a redución de baldeos e regas, cuestións que xa todos eles veñen facendo desde hai algún tempo.

"Se a situación non mellora", dixo, aplicaranse "outro tipo de medidas", como a redución de consumos non esenciais, a revisión do estado das redes de subministración ou a rebaixa da presión na subministración.

Na reunión deste luns o responsable de Augas de Galicia demandou aos concellos que remitan información sobre a situación en cada municipio, unha enquisa con datos de consumos e usos, para que "a próxima semana" poidan "volver convocar esta mesa e entón acordar xa un obxectivo completo de porcentaxe de redución deses consumos en cada concello".

Ponte das Correntes, lugar de litixio de lindes entre Pontevedra e Poio
Ponte das Correntes, lugar de litixio de lindes entre Pontevedra e Poio | Fonte: flikr

SITUACIÓN DO LÉREZ

No encontro os técnicos de Augas de Galicia informaron da situación "anómalamente baixa" que atravesa o Río Lérez cun caudal circulante que se corresponde co 95% menos de auga que hai un ano "cun caudal máis propio do verán que desta época", sinalaron.

Ao concluír a reunión Roberto Rodríguez apuntou que estaban "satisfeitos". "Todos entendemos que, no ámbito das nosas competencias, as administracións non podemos quedarnos parados esperando a que chegue a choiva", sostivo.

Con este encontro, comentou o director de Augas de Galicia, tratan de "gañarlle tempo á seca" ao solicitar toda a información e acordar "as posibles medidas de emerxencia que, chegado o caso, haberá que valorar noutros escenarios". Como actuacións estruturais, apuntan melloras en determinadas captacións, ou determinadas infraestruturas que permitan unha maior captación do recurso.

ENCE

"O abastecemento á poboación é o prioritario", lembrou Roberto Rodríguez. O director a de Augas de Galicia recoñeceu, ademais, a preguntas do concelleiro pontevedrés Raimundo González, que aínda non se efectivizou o recorte de auga á empresa Ence, pois aínda se está tramitando e, probablemente, esta semana xa se teña a resolución para dicirlle á fábrica de celulosa que reduza o seu consumo.

Unha vez que se aplique esta medida, Ence unicamente poderá usar o 50% do caudal que ten concedido, xa que os consumos industriais (diferentes ao da acuicultura ou a produción hidroeléctrica, como é o caso de Ence) ocupan o posto número cinco entre as prioridades establecidas no Plan Hidrológico, no que o abastecemento se sitúa primeiro.

"EMPODERAR AOS CONCELLOS"

Mentres, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, espera que a situación de seca sirva para "sentar as bases dunha nova relación entre os concellos e a Administración autonómica" para as decisións que se teñan que adoptar "de cara ao futuro".

Este rexedor reclama "unha política de augas, diferente e nova" na que se contemple "empoderar aos concellos con novas medidas" que lle permitan ampliar a súa marxe de manobra á hora de actuar que os consistorios pasen "de ser actores secundarios a protagonistas principais", ha resumuado. Ademais, apostou por "mellorar e optimizar os recursos hídricos" nun escenario de cambio climático.

Nesta mesma liña pronunciouse o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que demandou unha "solución global" á seca por parte da Xunta, tendo en conta que "se ve que é un problema que en anos sucesivos imos seguir sufrindo".

No municipio de Barro, dunha poboación 3.700 veciños, "só 900 habitantes teñen subministración de auga potable por parte do Concello", o resto capta este recurso de mananciais no monte, cuxo caudal diminuíu, o que obrigou durante os meses do verán a facer cortes nocturnos, fornecerse con camións cisterna e reducir a auga ao uso doméstico. A principios de outubro conseguiuse unha nova captación. "Iso permitiunos estabilizar o consumo", abundou.

SITUACIÓN EN PONTEVEDRA E MARÍN

No municipio Pontevedra a situación "non é de gravidade, pero temos que estar alerta e facer un consumo responsable", indicou o concelleiro Raimundo González. En Sanxenxo, segundo relatou o alcalde, o popular Telmo Martín, están "preocupados, loxicamente", aínda que se reduciu o consumo co remate da temporada turística do verán.

Non entanto, indicou que se adoptaron medidas e estanse facendo as recomendacións oportunas á poboación, mentres se captan uns 3.000 metros cúbicos ao día do Río Lérez e uns 1.000 metros cúbicos do Umia.

Pola súa banda, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, explicou que o seu municipio non ten problemas de subministración debida ás novas infraestruturas postas en marcha xunto coa achega de auga "que está a prestar a Escola Naval Militar, que ten minas propias".Con todo, de cara ao "medio e longo prazo", a popular María Ramallo aposta por "racionalizar os recursos" en base ás recomendacións dun "estudo técnico".

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, sinalou que no seu municipio dependen "moito do Lérez", en concreto o 90% da subministración de auga vén deste río. "Os núcleos de poboación máis altos do concello son os que o están pasando peor", abundou.

A seca deixou en niveis "moi baixos" os mananciais do Monte Castrove. A medio prazo, sinalaron, a intención do goberno local --formado por BNG e PSdeG-- é "conseguir fondos para poder ampliar a capacidade dos depósitos municipais de Vilariño e A Serpe".

Temas: SECA PONTEVEDRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta