“Europa aínda pode facer máis para protexer os nosos océanos dos plásticos”

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza alerta do enorme impacto da contaminación por plásticos e micropásticos. Galicia é unha das rexións que lidera a investigación científica sobre este problema.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/11/2017 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN, nas súas siglas en inglés) vén de facer público un informe sobre as distintas iniciativas políticas en Europa para protexer os mares da contaminación por plástico, Malia advertir un interese cada vez maior por afrontar este problema, "Europa aínda pode facer máis para protexer os nosos océanos dos plásticos", di.

Plásticos no mar
Plásticos no mar | Fonte: NOAA.

O informe explora as políticas dos Estados membros da UE que abordan o lixo mariño de plástico. O informe non pretende ser exhaustivo, pero indica que "aínda existen fendas importantes na lexislación, en particular en relación co tema dos microplásticos".

"Isto tamén se debe a que aínda existen importantes lagoas no coñecemento, especialmente sobre as liberacións mundiais de microplásticos, aínda que informes recentes como o estudo da UICN 'Microplásticos primarios nos océanos' están a axudar a abordar isto", indican.

Luc Bas, director da Oficina Rexional Europea da UICN, recoñeceu que "actualmente existe un forte interese político e unha comprensión da necesidade dunha acción acelerada sobre o lixo mariño de plástico", e salientou que "a próxima Estratexia de Plásticos da UE é unha oportunidade para coordinar a actuación a nivel da UE, establecer condicións de igualdade e definir un maior nivel de ambición para que a UE e os seus Estados membros aborden os residuos plásticos mariños".

O informe foi publicado o 8 de novembro nun evento no Parlamento Europeo, onde persoeiros como Pierre-Yves Cousteau e o comisionado de Medio Ambiente Karmenu Vella presentaron os seus puntos de vista sobre o problema dos plásticos mariños.

IMPACTO NO MAR

Oito millóns de toneladas de plástico son vertidas cada ano nos océanos e mares de todo o mundo, segundo un estudo publicado na revista Science feito por investigadores de universidades norteamericanas. Para facernos unha idea da dimensión deste desastre, sería o mesmo que colocar cinco bolsas da compra cheas de plásticos cada 30 centímetros de costa no mundo.

Para 2025 o panorama é aínda máis desolador se non se aplican medidas correctoras urxentes: esas cinco bolsas cheas de plástico converteranse en dez cada 30 centímetros de costa, dobrando a cantidade de lixo nos mares na mesma extensión. Deses oito milllóns de toneladas de plástico que caen ao mar cada ano, só 245 mil están flotando na superficie, o resto atópase nas profundidades, invisibles para nós.

Un estudo da fundación Ellen McArthur indicou que nun futuro non lonxano poderiamos pescar máis plástico que peixe. As consecuencias serían unha drástica redución da vida mariña e un cambio nas especies; algunhas desaparecería.

Outros estudos avanzan que para 2050 se estima que o 99% das aves mariñas terán inxerido plástico.

O plástico non se biodegrada unha vez no océano, senón que se descompón en microplásticos que agora se atopan na maioría das augas mariñas en todo o planeta. Os microplásticos mesmo se poden atopar en produtos mariños para consumo humano, como o sal mariño. 

A alerta é mundial ante a ameaza dun mar de plásticos. E Galicia é unha das rexións europeas que lidera a investigación científica sobre lixo no mar e, en particular, sobre microplásticos, partículas de menos de cinco milímetros que están afectando a organismos mariños.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta