Alerta: a reserva de auga continúa a súa caída en Galicia e queda preto de baixar do 40%

A auga embalsada en Miño-Sil e Galicia Costa é un 29% e un 28% menos, respectivamente, que a media da última década.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/11/2017 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

A reserva hidráulica en Galicia continúa a súa caída na última semana e queda preto de baixar do 40% no conxunto de encoros de Miño-Sil e Galicia-Costa. Segundo datos feitos públicos este martes polo Ministerio de Medio Ambiente, as reservas nos encoros galegos atópanse ao 40,65% no seu conxunto, máis dun punto por baixo do 41,85% da semana anterior.

Seca, no encoro de Portomarín (Lugo)
Seca, no encoro de Portomarín (Lugo) | Fonte: Europa Press

En concreto, a auga nos encoros de Miño-Sil descende xa até o 38,6% da súa capacidade, fronte ao 39,3% da semana anterior, após perder 19 hectómetros cúbicos en sete días até quedar en 1.171.

Á hora de analizar a seca en Miño-Sil basta con ver que supón un 21,3% menos que as reservas da mesma semana de 2016, así como un 29% por baixo da media da última década (é de 1.655 hectómetros cúbicos).

Pola súa banda, Galicia Costa atópase ao 42,7% da súa capacidade, con 292 hectómetros cúbicos (eran 304 sete días antes) polo que descende case dous puntos fronte ao 44,4% da semana do 7 de novembro.

En Galicia Costa a auga embalsada é un 15% menos que na mesma data de 2016, así como un 28,3% inferior á media da última década.

Tags: AUGA SECA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta