Temas: PRESTIGE

A Audiencia da Coruña fixa unha indemnización de máis de 1.600 millóns pola catástrofe do Prestige

1.573 millóns corresponden ao Estado español polos danos patrimoniais, ambientais e morais. 61 millóns a Francia e outros 1,8 millóns á Xunta de Galicia polos gastos de reciclaxe do fuel.

Por E.P. | A CORUÑA | 15/11/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña fixou unha indemnización de máis de 1.600 millóns polos danos ocasionados pola catástrofe do 'Prestige', dos que a maior contía, 1.573 millóns, corresponden ao Estado español polos danos patrimoniais, ambientais e morais, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Labores de limpeza de chapapote
Labores de limpeza de chapapote | Fonte: Europa Press

O auto de execución da sentenza, —que recolle unha contía moi inferior á que a Fiscalía estableceu no xuízo, 4.328 millóns de euros— tamén inclúe un pago de 61 millóns a Francia e outros 1,8 millóns á Xunta de Galicia polos gastos de reciclaxe do fuel.

Na resolución, feita pública dous días despois de que se cumprisen 15 anos deste sinistro, determínanse as sumas que definitivamente procede abonar aos prexudicados e que deben ser pagadas polas partes condenadas: o capitán do barco, Apostolos Mangouras e a aseguradora, The London Steamship Owners Mutual Insurance Association, "polo menos até o límite dun billón de dólares estadounidenses".

Subsidiariamente, condénase a facer fronte ao pagamento á propietaria do buque, Mare Shipping INC, mentres que o Fondo Internacional de Indemnización de Danos debidos á Contaminación por Hidrocarburos (FIDAC) está obrigado a indemnizar até os límites expresamente establecidos no convenio aplicable.

Na execución da sentenza, a Sala entende que corresponde ao Estado español a cantidade de 1.573 millóns de euros; á Xunta de Galicia 1,8 millóns e a Francia 61 millóns de euros, ademais das sumas que se fixan para outras entidades, concellos e particulares.

En relación á cantidade para o Estado, a Sala entende que o dano patrimonial acreditado é de 931 millóns de euros, cantidade á que suma un 30% por dano ambiental, é dicir, 279 millóns de euros. Os maxistrados sosteñen que a esta cifra hai que engadirlle outro 30% por dano moral indemnizable, 363 millóns de euros, o que arroxa un total de 1.573 millóns.

DANOS MORAIS

Respecto diso, o auto indica que "os danos morais causados son obvios, extensos e profundos, non só polo sentimento de temor, ira e frustración que afectou a gran parte dos cidadáns españois e franceses, senón tamén pola pegada indeleble da percepción referida a que catástrofes desta ou máis ampla magnitude poden afectar en calquera momento aos mesmos prexudicados".

Na sentenza ditada polo Tribunal Supremo xa se recoñecía como cantidade acreditada indemnizable a de 513 millóns de euros, pero os maxistrados da Audiencia Provincial afirman que "existen demostracións técnicas que avalan a necesidade de aumentar a indemnización por enriba do certificado", en alusión a informes do Consorcio de Seguros.

En relación aos 1,8 millóns que se adxudican á Xunta, refírense exclusivamente ao custo do reciclable de elementos contaminantes depositados na Sociedade Galega de Refugallos Industriais (Sogarisa).

Sobre esta cuestión, sinala que a Xunta subscribiu un acordo co Estado "no que renunciaba a toda indemnización ao considerarse integramente resarcida polos danos ocasionados polo accidente do buque Prestige". En concreto, refírese o auto a un acordo transaccional de xullo de 2005 polo importe anteriormente mencionado de 513 millóns.

Mentres, sobre a suma de 22,7 millóns de euros depositada pola entidade aseguradora no xulgado de Corcubión —após producirse o sinistro—, afirma que ha de procederse á súa distribución entre os prexudicados a prorrata das cantidades fixadas na resolución. En canto aos intereses, só se esixirán desde a firmeza do auto notificado este mércores.

POSIBILIDADE DE RECURSO

Con esta decisión non se acaba o percorrido xudicial que se iniciou en 2012 co comezo do xuízo pola catástrofe xa que, fronte esta resolución da Audiencia da Coruña, cabe interpor recurso ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.

Até agora, a aseguradora —a única vía, segundo a Fiscalía de Medio Ambiente galega, para que os afectados pendentes de cobro perciban o seu diñeiro— só se mostrou disposta a abonar os 22,7 millóns de euros de fianza que depositou en 2002.

En 2015, España e Francia perderon, ademais, a batalla xudicial en Gran Bretaña pola que pretendían que o preito polo diñeiro da póliza subscrita fose nas súas respectivas xurisdicións en lugar de estar suxeito aos tribunais de arbitraxe británicos.

Temas: PRESTIGE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta