Morre un home no Porriño por ataque de avespa velutina

Un veciño de 54 anos de idade faleceu após sufrir numerosas picaduras. Outro foi gravemente ferido.

Por E.P. | VIGO | 15/11/2017 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Un veciño da localidade pontevedresa do Porriño, de 54 anos de idade, faleceu após sufrir numerosas picaduras de avespa velutina cando realizaba traballos de poda nunha leira, xunto a outro home, que tamén sufriu picaduras pero cuxo estado non reviste gravidade.

Retirada de niños de velutina en Culleredo (A Coruña)
Retirada de niños de velutina en Culleredo (A Coruña)

Segundo confirmaron fontes da Guardia Civil, os feitos ocorreron á primeira hora da tarde do martes nunha leira da parroquia porriñesa de Budiño. Os primeiros indicios apuntan a que o home estaba a talar unha árbore no que había un niño destes insectos que el non vería.

Ao lugar acudiu unha ambulancia asistencial do 061 e un médico do Punto de Atención Continuada (PAC) do Porriño. Os sanitarios realizaron manobras de reanimación cardiopulmonar, pero só puideron certificar o falecemento de A.G.L., tal e como informaron a fontes sanitarias.

O concelleiro de Medio Ambiente do Porriño, Marcelino Coto, concretou que o suceso ocorreu sobre as 16,00 horas deste martes, cando dous homes foron a cortar unha maceira e foron atacados polas avespas dun niño que se atopaba "no medio dunhas matogueiras".

Como consecuencia, ambos rexistraron numerosas picaduras que causaron as "feridas mortais" dun deles, quen se descoñece se morreu por unha reacción alérxica ou polo número de picaduras. O segundo home tamén sufriu picaduras, pero "con menor intensidade", e o seu estado non reviste gravidade aínda que se atopa en observación no seu domicilio.

O edil advertiu que este tipo de insectos non só aniñan en altura, senón tamén "a nivel de chan, en restos e no medio de matogueiras", como neste caso. "É a primeira vítima que temos aquí, e é lamentable que unha persoa tan nova falecese desta forma", remarcou, pedindo "extremar precaucións" durante as tarefas de rozas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta