Por Galicia Confidencial | Mugardos | 15/11/2017 | Actualizada ás 19:06
A asemblea do BNG de Mugardos (A Coruña) decidiu este martes, por unanimidade, romper o pacto que mantiña esta formación política con Esquerda Unida-Os Verdes-Son e con Iniciativa Cidadá Mugardesa, e abandonar así o goberno tripartito do municipio.
As razóns principais argumentadas pola formación nacionalista para tomar esta decisión son "a perda de confianza e falta de lealdade institucional mínima" co grupo que ostenta a alcaldía", en alusión a Pilar Díaz (EU), a alcaldesa, "para poder levar a cabo un proxecto común e que sustentaba o pacto de goberno".
A través dun comunicado, o BNG de Mugardos asegurou que este partido "respectou en todo momento este acordo onde se establecía un contido de proxectos e iniciativas a cumprir e cunha distribución de competencias e delegacións".
Engade que a situación se converteu "en insustentable e dificulta enormemente a xestión dos asuntos nas áreas que presidimos" e que a "interferencia e inxerencias por parte da Alcaldía non fan máis que impedir levar a cabo un proxecto viable".
Tamén acusou aos representantes de Esquerda Unida-Os Verdes-Son de "gobernar desde hai algún tempo de costas aos intereses xerais da cidadanía". "Agora trataremos de chegar a acordos puntuais para seguir cumprindo o proxecto que o BNG ten para este Concello", esgrimiu.
Iniciativa Cidadá Mugardesa convocou para este xoves, 16 de novembro, ás 20,00 horas, unha asemblea no seu local para abordar a situación actual no seo do goberno, sendo tamén públicas algunhas críticas realizadas desde esta formación política con respecto a algunhas das decisións tomadas por parte da alcaldesa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.