Temas: BANCA CIG

A CNMV non valida as titulacións das universidades galegas para vender produtos financeiros

A CIG denuncia que o organismo invade competencias educativas da Xunta de Galicia e pide a esta unha "actuación inmediata".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/11/2017 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

A Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) non considera válida ningunha das titulacións das Universidades galegas para poder traballar nun banco. Así o denuncia CIG-Banca, que demanda unha "actuación inmediata" da Xunta de Galicia ante unha decisión que a central sindical entende que "invade as competencias educativas do noso país".

Sucursal do Banco Popular
Sucursal do Banco Popular

A lexislación europea obriga ás entidades financeiras a formar ao persoal cara a venda de produtos financeiros. A CNMV non atendeu as distintas alegacións formuladas pola CIG e finalmente considerou que ningunha titulación impartida polas universidades galegas terá validez.

De feito, este organismo publicou unha lista das titulacións que considera válidas para poder traballar nunha entidade financeira vendendo produtos. Unha función que, segundo a CIG-Banca, realiza o 90% do persoal destas entidades.

Aínda que, segundo ten denunciado en sucesivas ocasión a federación, os sucesivos escándalos pola colocación indebida de produtos financeiros “son froito de políticas de empresa tras das que se agochan as agresivas políticas comerciais”, a maior parte das sentenzas alegaban unha falta de información por parte dos traballadores da banca á clientela. Unha estratexia á que para a CIG se recorreu “para non facer fronte a devolucións colectivas e masivas, individualizando as demandas das persoas afectadas”.

En base a esa argumentación, o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, lembra que a UE aprobou unha directiva que establece os coñecementos mínimos requiridos para os profesionais que colocan produtos financeiros. "Unha normativa que blindará aos bancos ante futuras demandas", denuncia.

Montero sinala que a nivel do Estado español, foi a CNMV quen elaborou unha Guía Técnica e que agora fixo públicas as titulacións que considera válidas para traballar na banca. “Cabe destacar que non considera válidas as carreiras universitarias, nin as formacións profesionais. Requirindo en calquera caso as “certificacións” agora publicadas”, denuncia.

TITULACIÓNS PRIVADAS

O secretario nacional de CIG-Banca denuncia que as titulacións validadas pola CNMV, malia carecer de capacidade e competencias en materia educativa, “pertencen na súa maior parte a asociacións privadas (aínda que nalgún caso sexan socios destas asociacións os propios bancos) e só valida certificacións da Universidade Politécnica de Valencia (pública) ou da Universidade Pontificia de Comillas (privada), que segundo a CNMV serían as únicas que terían presentado titulacións para a súa validación”.

Desde a CIG-Banca denuncian publicamente o “desleixo” da Xunta de Galicia, xa que esta cuestión foi debatida no Pleno do Parlamento Galego, despois de que o sindicato mantivese reunións cos Grupos do BNG e de En Marea e que estes presentasen iniciativas parlamentares.

INVASIÓN DE COMPETENCIAS

Por iso a CIG reclama unha actuación inmediata da Xunta ante o que considera unha "invasión de competencias en materia educativa por parte dese Organismo estatal, que semella actuar ao mandado das Entidades e das súas asociacións".

“Non é posible que un organismo estatal invalide as titulacións das universidades galegas, e valide a de chiringuitos creados polos propios bancos”, afirma Montero.

A isto engade que, por iso, “reclamamos que a Xunta de Galiza actúe para que se validen as titulacións universitarias, nomeadamente as carreiras e diplomaturas da rama económica, e as formacións profesionais realizadas ao abeiro da lexislación autonómica, estatal e europea” claman dende o sindicato.

Temas: BANCA CIG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta