As obras da Catedral de Santiago restrinxirán os cultos en 2018 e a fachada estará sen andamios en marzo

A Fundación pon en marcha un boletín periódico con información e un programa de actividades culturais para dar a coñecer a basílica

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2017 | Actualizada ás 14:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

As obras no interior da Catedral de Santiago restrinxirán os cultos e o funcionamento do botafumeiro ao longo de 2018, un ano que suporá tamén a retirada dos andamios da fachada, que desaparecerán entre febreiro e marzo.

A Catedral de Santiago en obras, con estadas
A Catedral de Santiago en obras, con estadas | Fonte: Europa Press

Así o avanzou este xoves o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, que participou nunha rolda de prensa en Compostela para dar a coñecer un novo programa de difusión das novidades da basílica.

Na súa intervención no acto, Lorenzo garantiu que as obras se realizan baixo o "principio inspirador" de que a Catedral "permaneza aberta" durante todo o período, mesmo a nivel de cultos. Con todo, admitiu que os traballos no interior, que provocarán ruídos e a instalación de andamios, obrigarán a "reducir o aforamento" e modificar as horas de culto.

Aínda que rexeitou concretar a partir de que data será esta modificación, admitiu que será durante o ano 2018, en canto comece a intervención interior. Nesta situación, interromperase o funcionamento do botafumeiro por mor dos andamios e os cultos limitaranse ás fins de semana e as tardes, cando as obras non provoquen ruídos.

"Haberá restricións desde que se poña o primeiro andamio no transepto e ata que se retire o último", dixo Lorenzo que, en todo caso, garantiu que a basílica permanecerá aberta.

Do mesmo xeito, reiterou que os andamios da fachada da Catedral estarán retirados en marzo do próximo ano, cando está previsto que se inicie a intervención na terraza. Esta intervención esixe a retirada previa destos andamios.

PROGRAMA DE OBRAS

Na intervención de restauración da Catedral de Santiago, segundo informaron no acto deste xoves, realizáronse xa as obras correspondentes á Torre do Reloxo, fachada da Azabachería, Pórtico Real, cubertas do Pórtico e torres da fachada.

Na actualidade están en execución as intervencións no cimborrio, a fachada do Obradoiro, a terraza e a cripta, os zócalos da Capela Maior e as cubertas de cabeceira.

Para o próximo ano, o plan de execución, de acordo co Plan Director da Catedral, abarca actuacións nas cubertas da nave principal e do cruceiro, cubertas da aba norte do claustro, cubertas e fachada oriental do claustro e Torre do Tesouro, capela do Cristo de Burgos e paramentos e bóvedas da nave central e do transepto.

Finalmente, para 2019 prevese a intervención no baldaquino e reixas do Altar Maior, pinturas da Capela Maior e paramentos e bóvedas da xirola.

As actuacións realizadas entre 2013 e 2017 supuxeron un investimento de 9,2 millóns de euros, aos que se sumarán algo máis de 15 millóns para o período 2018-2020.

A intención desta programación, lembrou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, é ter a Catedral "en perfecto estado de revista" para o Ano Santo 2021, un "reto" e unha "oportunidade" para a "icona de Galicia", xa que "todo o mundo vai estar mirando".

NEWSLETTER E PROGRAMA

Para mellorar a comunicación desta intervención e da propia Catedral coa sociedade, asociacións e entidades, desde a Fundación Catedral anunciaron a posta en marcha dun boletín electrónico periódico que difundirá as novidades relacionadas coa restauración da basílica.

Ademais das propias obras, no newsletter ofrecerase información sobre horarios, accesos e posibles restricións relacionadas cos traballos, así como sobre actividades culturais programadas.

Inicialmente, este boletín distribuirase entre algo máis de 1.000 contactos, entre eles albergues, asociacións relacionadas co camiño, colectivos xacobeos ou entidades de turismo, así como calquera persoa que estea interesada e que poderá solicitalo na web da Catedral.

De forma paralela, programaranse actividades culturais para complementar a apertura á sociedade, de maneira que se axude a unha mellor comprensión do fenómeno xacobeo e da dimensión histórica, artística e espiritual da Catedral.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta