Por Walter Burns | O Irixo | 01/12/2010 | Actualizada ás 10:25
O retorno do PpdeG ao poder veu acompañado dunha caída do 10% do investimento galego en I+D, segundo proban os datos oficiais do INE. Porén, a Consellería de Economía está a aumentar o gasto entre propaganda en certos medios coa escusa de promocionar a importancia da innovación.
GC xa informou que a Consellería de Economía gastou máis de 595.000 euros en anuncios sobre o I+D a través de Canal Uno de Comunicación. Trátase dunha axencia da que é copropietario o compañeiro de partido do conselleiro Javier Guerra, Juan Francisco Martínez Herrera Escribano, número 3 do PP vigués.
Agora Galicia Confidencial revela que, ademais dos anuncios, Economía acaba de subvencionar a dedo polo menos a tres xornais.
Cifras do reparto
O conselleiro firmou tres convenios con El Progreso de Lugo (100.000 euros); Editorial Compostela (100.000 euros) para a editora de El Correo Gallego e Galicia Hoxe) e La Región de Ourense (150.000 euros) o 14 de outubro.
Os convenios son un xeito de dar axudas sen concurso, publicidade ou competencia. A diferenza das axudas vía DOG, non dependen dun baremo obxectivo, senón do criterio de cada conselleiro. Por exemplo, nesta quenda de convenios Guerra non ten porque explicar porque escolleu a eses tres diarios e ignorou a outros con tiradas superiores.
Un xeito de influír nas liñas editoriais
Tanto o Colexio como o Sindicato de Xornalistas teñen denunciado en múltiples ocasións esta práctica, común en todos os executivos dende a era Fraga, pois evidentemente condiciona a independencia das cabeceiras.
Por exemplo, entre os motivos alegados pola Xunta para repartir estes 350.000 euros están “promover un maior recoñecemento social dos ámbitos nos que ten competencias a Consellería de Economía e Industria”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.