Roupa que limpa o mar

O Deportivo, tralo acordo coa marca de moda Ecoalf, convértese no primeiro equipo de fútbol en vestir roupa sostible con tecido xenerado do lixo procedente do fondo do mar.

Por gcdeportes | A Coruña | 17/11/2017 | Actualizada ás 09:07

Comparte esta noticia

O primeiro equipo de fútbol no mundo que vestirá unha colección de roupa sostible con tecido xenerado do lixo procedente do fondo do mar. Un acordo de patrocinio que de paso servirá para amosar unha vez máis a ineludíbel vinculación do Dépor e dos galegos co mar. Coincidindo co aniversario da catástrofe do Prestige, o RC Deportivo ven de presentar na Lonxa do Porto da Coruña un acordo de patrocinio con Ecoalf, marca española de moda pioneira en sostibilidade e innovación, que deste xeito se convirte na nova provedora de roupa non deportiva para as viaxes deportivistas.

A presentación do acordo entre Deportivo e Ecoal.
A presentación do acordo entre Deportivo e Ecoal. | Fonte: @RCDeportivo

Segundo o RC Deportivo, o acordo vai máis alá do simple patrocinio da roupa non deportiva. “A vinculación entre Dépor e Ecoalf é a materialización real duns valores polos que aposta firmemente o club: a sostibilidade, a transparencia, o respecto polo medio ambiente, a vinculación da Coruña co mar e a responsabilidade social corporativa”.

O club asegura que este é o primeiro paso dun camiño para converter o Deportivo nun club referente no respecto ao medio ambiente: “A protección do mar e a sostibilidade son valores que unen o Real Club Deportivo e Ecoalf, convertindo esta alianza nalgo simbólico, máis alá da imaxe, un compromiso a longo prazo onde o Dépor convertirase nun club referente en sostibilidade”.

Ecoalf, por medio do seu proxecto Upcycling the Oceans (UTO), ten como obxectivo recuperar o lixo do fondo dos océanos a través dos pescadores para convertelos en tecidos. Hoxe en día, UTO é un proxecto que opera da man da Fundación Ecoalf e Ecoembes en 32 portos e con máis de 2.000 pescadores, recollendo unhas 150 toneladas de lixo ao ano. No 2017, o proxecto implantouse en Tailandia e agora, de xeito pioneiro no Atlántico, chega da man do Deportivo ao porto da Coruña.

A colección para o RC Deportivo seleccionada por Ecoalf consta de anorak azul marino, blazer reversíbel, dous xerseis de estilo casual, polo branco e pantalóns de cor crú. As California Sneakers de Ecoalf pechan o look “cómodo e práctico” que levarán os xogadores deportivistas nas súas viaxes.

Os deportivistas, modelos na presentación.
Os deportivistas, modelos na presentación. | Fonte: @RCDeportivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta