O cineasta Costa-Gavras chega a Santiago para recibir o Premio Cineuropa

Noriega recibe no Pazo de Raxoi ao director franco-grego, que loa a un festival "único no mundo"

| 17/11/2017 | Actualizada ás 15:14 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O cineasta Costa-Gavras recalou este venres en Santiago de Compostela, onde recibirá o vindeiro sábado o Premio Cineuropa a unha carreira marcada pola militancia política, que foi reflectindo en filmes como 'Z', 'Missing', 'Amen', 'Estado de sitio' ou 'Mad City'.

O cineasta Costa-Gavras con Martiño Noriega
O cineasta Costa-Gavras con Martiño Noriega | Fonte: Europa Press

Na mañá deste venres, o director nado en Atenas en 1933 foi recibido na sede do consistorio polo rexedor compostelán, Martiño Noriega, e o director do festival Cineuropa, José Luís Losa.

A gala de entrega do Premio Cineuropa terá lugar o sábado no Teatro Principal, unha das sedes do certame compostelán, que celebra desde o pasado 7 de novembro a súa trixésimo primeira edición.

Costa-Gavras é un dos cineastas vivos máis recoñecidos e a súa carreira destaca polo seu compromiso político e social. A relación entre Estados Unidos e o golpe de estado de Pinochet en Chile, a colaboración de Vichy cos nazis ou as torturas do réxime estalinista foron algúns dos temas que tratou nos seus filmes.

CINEUROPA, "UN FESTIVAL ÚNICO"

En declaracións aos medios durante a recepción no Pazo de Raxoi, Costa-Gavras agradeceu o recoñecemento dun "festival case mítico, porque é un festival que dura tanto que é único no mundo".

Nun perfecto español, o cineasta recoñeceu que é "un gran pracer" volver unha cidade como Santiago, que xa visitara na década dos 70.

Ademais, destacou que España tamén ocupa un lugar "moi importante" na súa carreira, xa que foi aquí onde fixo a súa primeira película como asistente.

Pola súa banda, Martiño Noriega destacou que a presenza de Costa-Gavras na capital galega "dignifica" o festival Cineuropa e serve para "proxectalo internacionalmente".

"Todos os que amamos o cinema amamos o seu cinema e sentímonos encantados de que estes días nos poida acompañar en Cineuropa", remarcou sobre Costa-Gavras o alcalde, que indicou que Santiago, ademais de Patrimonio da Humanidade, "tamén é patrimonio do cinema". "E con el (Costa-Gavras) aquí, aínda é máis cinema", concluíu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta