PP pide obrigar a presidentes de deputacións a comparecer na Cámara e retirar a taxa de fondeo en Illas Atlánticas

A Xunta contemplaba este gravame na lei de acompañamento dos orzamentos autonómicos para 2018, que agora emenda

Santiago de Compostela | 18/11/2017 | Actualizada ás 17:25 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario Popular propón que os presidentes das deputacións estean obrigados a comparecer no Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos dos entes provinciais nas súas emendas ás contas autonómicas da Xunta para 2018, que serán debatidas en pleno o luns.

Hemiciclo galego no arranque da X Lexislatura
Hemiciclo galego no arranque da X Lexislatura | Fonte: Europa Press

Diso informaron os populares galegos nun comunicado, no que a deputada Paula Prado considera "necesario" asegurar a "adecuada" toma de coñecemento pola Cámara galega dos orzamentos das institucións provinciais a través da comparecencia dos seus titulares na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos.

Segundo indicou, esta comparecencia debe entenderse "sen prexuízo da competencia nos plenos das deputacións provinciais para a aprobación das súas contas", en uso da "autonomía constitucional e estutariamente garantida".

A maiores desta proposta, nas súas emendas, os populares tamén piden a retirada da taxa prevista pola Xunta na lei de acompañamento dos orzamentos para 2018 que gravaba o fondeo en augas do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Ademais, para complementar as emendas ao proxecto de lei de acompañamento dos orzamentos relacionadas coa xestión forestal e os incendios, o Grupo Parlamentario Popular propón que os beneficiarios de axudas a consecuencia da vaga de incendios do pasado mes de outubro poidan deducilas na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

Respecto diso, Paula Prado destacou que a emenda relativas á política forestal e incendios recollen "todas as medidas anunciadas" polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, aos responsables da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

"Resulta satisfactorio e mostra o acertado destas medidas do Goberno galego e do PPdeG a coincidencia destas propostas coas emendas presentadas por algún grupo parlamentario", sinalou a tamén viceportavoz parlamentaria.

VEHÍCULOS DE ALUGUER

Outra das emendas rexistradas polo Grupo Parlamentario Popular ás contas autonómicas atende a unha demanda formulada polos taxistas galegos para mellorar a sinalización dos vehículos destinados á prestación de servizos de aluguer con condutor.

Deste xeito, estes vehículos de aluguer con condutor deberán introducir un distintivo que permita a calquera usuario a súa fácil identificación exterior. Así, a Consellería de Infraestruturas e Transporte quedará habilitada para a concreción do deseño final deste distintivo así como para establecer as condicións de utilización e emisión.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta