Temas: O PORRIñO CIG ERE

A dirección de Maderas Iglesias non descarta a liquidación da empresa

Os traballadores volveron ás rúas do Porriño para reclamar medidas que eviten o peche dunha empresa que ten 34 millóns de débeda coas bancos e que recibiu importantes subvencións públicas.

Por Galicia Confidencial | O Porriño | 19/11/2017 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

O cadro de persoal de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante, regresou esta fin de semana ás rúas para reclamar medidas que garantan a continuidade da compañía e o pagamento dos salarios pendentes. O seguinte paso será trasladar as protestas á Xunta -que "achegou importantes subvencións públicas"- ante o anuncio da dirección de que existe un 90% de posibilidades de ir á liquidación, informa a CIG.

Protesta dos traballadores de Maderas Iglesias
Protesta dos traballadores de Maderas Iglesias | Fonte: CIG.

“Queremos traballar, pero tamén cobrar”, “ERE equitativo, iso é o que pido” e “Maderas Iglesias, solucion” foron de novo as consignas que máis se escoitaron durante o percorrido entre o centro de traballo de Louro, no Porriño, e o de Sanguiñeda, en Mos. A marcha, este sábado, tamén pasou por diante do Concello do Porriño, onde se detivo uns minutos. 

Antes do inicio da manifestación, o presidente do comité, Vicente Molares, da CIG, dirixiuse a todo o cadro de persoal para explicarlles o que a empresa lle trasladou á representación dos traballadores na xuntanza que tivo lugar a petición do propio comité. No que respecta ao pagamento das débedas pendentes, a dirección de Maderas Iglesias comprometeuse a abonarlles o vindeiro 30 de novembro a paga extra do mes de xullo. A de decembro quedaría pendente, sen data de abono.

De igual xeito, a empresa anunciou que os salarios de novembro pagaranse antes do 10 de decembro, mentres que os de decembro ingresaranse o día 30 dese mes.

“Na reunión insistímoslles que o persoal que se atopa de baixa ten que cobrar ao mesmo tempo que o resto, xa que parece ser que algúns traballadores que se atopan de baixa recibiron onte os soldos e os restantes recibirano ao longo da semana”, indicou.

ERE E DÉBEDA

No que respecta ao ERE, explicou que a empresa lles asegurou que "non pode ser máis equitativo", tal e como reclama o cadro de persoal, “xa que a algunhas persoas non se lles pode aplicar”. Ademais, dende a CIG din que "seguen a negarse a pagar os días efectivos de traballo" e no caso de ir ao ERE o día 31 como indica a lei "tamén se opoñen a respectar os nosos días festivos e de vacacións como establece o calendario de ERE que se lle presentou á Xunta”. Con todo, "a dirección recoñece que o ERE non é sostíbel e que non serve para arranxar a situación, algo que a representación social mantén dende hai anos".

Molares tamén detallou a situación económica da empresa: mantén unha débeda privilexiada cos bancos de máis de 34 millóns de euros “que non teñen intención de pagar e están agardando que presenten unha demanda contra a empresa, polo que non nos sorprende que se atope na lista de morosidade”.

A dirección agarda que a finais de mes lles entreguen o plan de viabilidade que encargou, aínda que a xestora que fixo as contas de 2016 remata o seu informe dicindo que "esta situación, xunto con outras cuestións expostas, indican a existencia dunha incerteza material sobre a capacidade da sociedade para continuar como empresa en funcionamento".

“Nestes momentos a compañía non é viábel, polo que o seu futuro decidirase nos vindeiros meses, e non se descarta a liquidación”. Segundo denunciou, a propia empresa cifra nun 90% as posibilidades de que se vaia á liquidación.

Ante isto, o presidente do comité incidiu na importancia de continuar coas mobilizacións para chamar a atención da Xunta e que faga efectivo o acordado no Parlamento por todos os grupos políticos. De feito, ao remate da mobilización anunciouse a posibilidade de trasladar as protestas até a delegación do Goberno autonómico en Vigo “xa que a empresa recibiu subvencións públicas a través do Igape, ademais de levar anos a ingresar cartos de todos para manter os ERE”

Temas: O PORRIñO CIG ERE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta