Temas: SECA A CORUñA

A Coruña limita ao mínimo imprescindible a rega de parques e a limpeza das rúas pola seca

No caso da limpeza viaria, só se manterá unha máquina baldeadora na zona de maior concentración hostaleira entre o xoves e o domingo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2017 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña limitou desde esta fin de semana "ao mínimo imprescindible" a rega de parques e xardíns e a limpeza das rúas ante o risco de seca. O consistorio herculino sinala que, no caso da limpeza viaria, só se manterá unha máquina baldeadora na zona de maior concentración hostaleira entre o xoves e o domingo, mentres que no resto da cidade só se actuará nos casos nos que sexa necesario ante "incidencias puntuais".

Cruceiros no Porto da Coruña
Cruceiros no Porto da Coruña

Segundo apunta a concelleira de Medio Ambiente, María García, as medidas que se manteñen son aquelas que "resultan necesarias para manter a cidade en condicións de limpeza e salubridade".

Deste xeito, o Concello só regará "o arboredo novo" nas zonas verdes, xa que, como apuntan, a situación de humidade no ambiente desta época do ano permite "asumir estas limitacións".

Así mesmo, o consumo das fontes ornamentais da cidade e outros elementos destas características xa "se está vendo restrinxido para minimizar o gasto innecesario".

Esta serie de medidas súmanse ás acordadas cos municipios da área metropolitana da Coruña, como o control do consumo de auga en edificios e instalacións municipais e o control das perdas da rede de abastecemento".

O Concello da Coruña tamén aproveitou para mandar unha mensaxe á cidadanía, á que empraza a levar a cabo un consumo responsable para manter as reservas.

Temas: SECA A CORUñA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta