Familias e vítimas de accidentes denuncian un aumento da sinistralidade e piden que sexa "unha prioridade política"

A Xunta chama á sociedade a implicarse e promover o respecto e a responsabilidade ao volante

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2017 | Actualizada ás 15:01 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Familias, vítimas de accidentes de tráfico e autoridades denunciaron este domingo en Pontevedra un aumento da sinistralidade viaria e pediron que a seguridade nas estradas "sexa unha prioridade política" e un "compromiso formal" por parte das institucións do Estado.

Con motivo do Día mundial en recordo das vítimas da violencia vial, a asociación Stop Accidentes organizou un acto na Illa das Esculturas da cidade do Lérez, no que participaron a conselleira de Infraestruturas e Transporte, Ethel Vázquez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernadez Lores.

No evento, a delegada de Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, denunciou un "aumento da sinistralidade" nas estradas galegas e estatais. "Todos somos responsables no tráfico, todos podemos ser vítimas pero tamén parte da solución", manifestou as declaracións a Europa Press.

Jeanne Picard foi a encargada de dar lectura a un manifesto a través do que Stop Accidentes avisou dunha subida do 7% nos falecidos nas estradas españolas en 2016, até alcanzar a cifra de 1.810 mortos. Ademais, 9.755 persoas resultaron feridas.

Con todo, a pesar desta subida, denunciou que Galicia e España seguen sen "unha educación viaria en valores obrigatoria" nas escolas. "Non nos cansaremos de esixir que a seguridade viaria sexa unha prioridade política e un compromiso formal de todas as institucións do Estado", asegurou para insistir en que "é un deber moral do Goberno".

Así mesmo, despois de censurar que a última modificación do código penal creou "máis impunidade" sinalou que ao día unhas "3.000 persoas" falecen nas estradas en todo o mundo, das cales "unhas 500 son nenos". Fronte a iso, pediu un Pacto de Estado que impulse as medidas para frear a violencia viaria e avanzar no obxectivo de que haxa cero vítimas por accidentes de tráficos.

A XUNTA PIDE IMPLICACIÓN

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, chamou ao conxunto da sociedade a "implicarse" para "potenciar valores como o respecto, a prudencia e a responsabilidade" e facer "extensiva a cultura da seguridade viaria".

Na súa intervención, remarcou a obrigación das administracións públicas de liderar esta loita coa posta en marcha dos medios ao seu alcance para incrementar a seguridade nas estradas. Todo iso, segundo indicou, "prestando unha especial atención aos usuarios máis vulnerables como son os peóns ou os ciclistas".

Ademais, aproveitou para pór en valor o compromiso da Xunta con esta materia e asegurou que o seu departamento "continuará traballando" na mesma dirección. Entre as novas liñas de actuación, destacou a estratexia para a eliminación de tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas.

CONCIENCIAR AOS MÁIS PEQUENOS

Por último, Ethel Vázquez referiuse á necesidade de formar aos máis novos na seguridade viaria e transmitir xa desde a contorna familiar os riscos que leva unha conduta irresponsable nas estradas.

"Porque os nenos aprenden e imitan o que viven e o que ven. Collen como modelo os comportamentos adultos. E por iso é tan importante que nós, como nais, como pais, como familiares ou amigos deses nenos, sexamos un bo exemplo para eles", considerou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta