A viúva dun dos mariñeiros galegos falecidos no Santa Ana querélase contra o armador do pesqueiro

O barco, con tripulación de Muro, afundiuse nas costas asturianas en marzo de 2014.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/11/2017 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

A viúva dun dos mariñeiros galegos falecidos no afundimento do Santa Ana en marzo de 2014 nas costas asturianas presentará este luns unha querela contra o armador do pesqueiro, ao que acusa de falsificar documentos de enrole.

Imaxe dun dos mergulladores accedendo ao Santa Ana
Imaxe dun dos mergulladores accedendo ao Santa Ana | Fonte: Europa Press

Disto informou este domingo o bufete de avogados que defende á viúva dun dos oito mariños que perderon a vida no naufraxio do Santa Ana tras impactar contra unhas rochas nas inmediacións do Cabo Peñas.

Este luns está convocada unha comparecencia de prensa na que a denunciante, Ramona Rodríguez, explicará o contido da demanda ás portas dos xulgados após presentar a querela.

A intención da denuncia é demostrar que a falta de cualificación e de titulación da tripulación e da persoa que estaba na ponte de mando no momento do accidente puido ser a causa do accidente.

Así, a estratexia é demostrar que as titulacións da tripulación e diversas comunicacións desde o barco ás capitanías dos portos de Pasaxes, Ondárroa e Avilés eran "falsas" e foron "confeccionadas dolosamente".

Deste xeito, Ramona Rodríguez acusa o armador do Santa Ana, José Balayo, dun delito continuado de falsidade en documento público e oficial.

FEITOS

O pesqueiro Santa Ana, de bandeira portuguesa, afundiuse tras impactar coas rochas ás 5,18 horas do 10 de marzo de 2014 nas proximidades da illa Erbosa, no Cabo Peñas, situado no municipio asturiano de Gozón.

No accidente faleceron oito dos nove tripulantes. Tres deles eran veciños da localidade coruñesa de Muros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta