O abastecemento de auga nos fogares de Vigo é máis caro que a media do Estado

Un estudo conclúe que o prezo non garda relación co sistema de xestión senón coa dispoñibilidade do recurso e a estrutura urbana En Lugo e en Ourense págase arredor da metade que a media.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2017 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

O abastecemento de auga para os usuarios domésticos de Vigo resulta algo máis caro que a media do conxunto do Estado español, mentres que en Lugo e en Ourense fogares pagan ao redor da metade da media. Así se desprende do artigo sobre 'El precio del agua en las ciudades' de Fernando Arbués, Jaime Sanaú e José María Serrano, da Universidade de Zaragoza, que recolle o último número de 'Papeles de economía española', e presentado este martes en Sevilla.

Billa, auga
Billa, auga | Fonte: Europa Press

De acordo con estes profesores, o índice de esforzo dos usuarios domésticos vigueses para o pagamento do abastecemento de auga é algo superior á media, ao situarse a súa porcentaxe no 102,72% (sendo 100 o valor para toda España).

Ademais, o seu estudo recolle unha táboa cos conceptos das tarifas dos principais municipios do Estado, que indica que en Vigo o abastecemento supón o 50,41% do custo, deixando o 33,05% restante para o saneamento e a depuración e o 16,54% último para os canons autonómicos e locais.

O sistema de xestión na cidade olívica figura neste informe como indirecto, aínda que conclúe que "non existe unha relación predefinida entre prezo da auga e sistema de xestión" e máis ben apreza unha relación de tipo xeográfico, con maiores custos no sur e menores no norte.

RESTO DE CIDADES

Ademais de Vigo, o artigo analiza os datos para as catro capitais de provincia galegas. Así, a seguinte máis cara (con maior esforzo para os usuarios domésticos no relativo ao abastecemento de auga) é A Coruña, cun 88,4% da media, é dicir, algo menos que o que pagan de media os españois por este concepto.

Na capital herculina, con xestión directa, o abastecemento acapara un 52,99% da tarifa, fronte a un 26,8% para o saneamento e a depuración e un 20,21% para os canons autonómicos e locais.

A continuación sitúase Pontevedra, tamén con xestión indirecta e onde o abastecemento representa o 51,97% da tarifa (25,97% saneamento e depuración e 22,07% os canons autonómicos e locais). Nesta cidade, o esforzo dos fogares supón un 79,38% da media.

Por baixo da metade do esforzo que deben realizar de media os cidadáns figuran os fogares de Lugo (54,25%) e Ourense (40,07%). De acordo cos datos do estudo, na primeira destas localidades, a xestión é directa e o abastecemento leva un 42,74% da tarifa, fronte ao 30,7% do saneamento e a depuración e o 26,56% dos canons autonómicos e locais.

Mentres, na cidade das Burgas, o sistema de xestión é indirecto e o abastecemento alcanza o 51,17% da tarifa, ao que hai que sumar un 5,78% de saneamento e depuración e outro 43,05%. Estes dous últimos datos son baixo e avultado, respectivamente, en comparación co resto de cidades galegas analizadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta