A Garda Civil esclarece 21 roubos en vivendas do sur da provincia de Pontevedra e 6 no norte de Portugal

A Garda Civil informou este martes da detención de tres persoas nos municipios pontevedreses de Tomiño e Salceda de Caselas como integrantes dunha banda criminal dedicada ao roubo con forza en interior de casas habitadas e á que se lle atribúen 21 roubos na provincia pontevedresa e seis máis no norte de Portugal.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2017 | Actualizada ás 14:57 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Garda Civil informou este martes da detención de tres persoas nos municipios pontevedreses de Tomiño e Salceda de Caselas como integrantes dunha banda criminal dedicada ao roubo con forza en interior de casas habitadas e á que se lle atribúen 21 roubos na provincia pontevedresa e seis máis no norte de Portugal.

A banda, desarticulada na Operación Catalpa, estaba asentaba na localidade de Mos, aínda que o xefe residía na localidade de Valença do Miño (Portugal) e estaba fuxido da xustiza debido ás requisitorias xudiciais que tiña en vigor.

Nunha rolda de prensa celebrada na Comandancia de Pontevedra, a subdelegada do Goberno na provincia, Ana María Ortiz, e o tenente coronel xefe interino da Comandancia da Garda Civil, Manuel Touceda, informaron de que a investigación que levou a estas detencións foi tutelada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Nº1 de Tui e a Fiscalía de Vigo.

As pescudas iniciáronse o pasado mes de xuño, tras detectarse un "importante incremento" na comisión de roubos con forza no interior de vivendas nas localidades de Tomiño, Tui, O Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Ponteareas e na zona lusa de Valença do Miño.

MODUS OPERANDI

Todos os roubos seguían unha mesma pauta de comisión. Os investigados facían un "exhaustivo recoñecemento" das vivendas que resultaban máis idóneas para o seu posterior asalto.

Segundo os investigadores, fixábanse, especialmente, en casas unifamiliares afastadas de núcleos de poboación e seleccionábanas polo seu aspecto exterior, confiando en que puidese haber obxectos de valor no seu interior. A continuación, comprobaban se se atopaban habitadas e, en caso positivo, as horas nas que non se atopaba ninguén nelas.

Unha vez seleccionadas as vivendas, os autores accedían ao seu interior forzando algunha xanela ou porta, procedendo ao rexistro íntegro do inmoble e, aínda que subtraían todo tipo de obxectos, fixábanse especialmente nas xoias de ouro e o diñeiro en metálico, ademais de ferramentas, electrodomésticos, televisores e dispositivos electrónicos.

Unha vez cometido o roubo, trasladaban os efectos aos seus domicilios para darlles saída posteriormente a través de diversas canles; ben a través de receptadores habituais, ben directamente a través de páxinas web, aplicacións móbiles e grupos de venda de redes sociais.

De igual modo, os axentes puideron comprobar como, en ocasións, os autores escondían o botín nunha zona boscosa próxima á vivenda asaltada; procedendo á súa recollida por parte doutros membros do grupo en días posteriores.

ACTIVIDADE DESMEDIDA

A Garda Civil puido comprobar que a actividade delituosa do grupo nas últimas datas era "desmedida", chegando a cometer na mesma semana até catro asaltos, o cal precipitou " a súa detención".

Como resultado dos rexistros practicados nos domicilios dos detidos foron intervidos multitude de efectos procedentes dos roubos, moitos dos cales puideron ser devoltos aos seus titulares.

O tenente coronel xefe interino da Comandancia da Garda Civil, Manuel Touceda, destacou que as cinco investigacións abertas nas últimas semanas pola Garda Civil de Pontevedra permitiron esclarecer un total de 140 roubos con forza en vivendas da provincia, con 11 persoas detidas.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta