Estíbaliz Espinosa, gañadora da XV edición do Premio de Poesía Afundación

O galardón implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6000 euros. A esta convocatoria presentáronse 29 orixinais inéditos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/11/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Estíbaliz Espinosa gañou a XV edición do Premio de Poesía Afundación á que se presentaron nesta edición un total de 29 obras. A resolución do xurado, composto polas escritoras Berta Dávila e María Neves Soutelo; Mario Regueira, escritor; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado tivo lugar este martes. 

Estíbaliz Espinosa
Estíbaliz Espinosa | Fonte: estibaliz espinosa - Bandcamp

As neuronas irmás, presentada pola súa autora baixo o lema Curiosa, destaca, en palabras do xurado «pola coherencia dun discurso poético sólido, o potencia evocador das imaxes, así como a orixinalidade das referencias que apelan á dimensión científica do ser humano biolóxico e emocional ». 

No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, e Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Deste xeito, Pedro Otero subliñou que Afundación “considera imprescindible e estratéxico” para a cultura e a lingua galegas “fomentar o coñecemento do xénero poético a través deste premio literario”. Así, lembrou que, con esta misión e obxectivo, iniciou a súa andaina no ano 2002. Desde entón ten no seu haber máis dunha ducia de libros de poemas de autores noveis e consagrados que se agrupan na colección «Arte de Trobar» que edita o Centro PEN de Galicia. “É, por tanto, un orgullo para nós anunciar un novo nome gañador para incluír na xa ampla nómina de poetas galardoados”, engadiu.

Mentres, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ao tempo que felicitou a Estíbaliz  Espinosa pola obra merecedora do XV Premio de Poesía Afundación, incidiu na necesidade de darlle a máxima visibilidade á creatividade dos novos autores e autoras galegos, nomeadamente en ámbitos que contan con menos facilidades para chegar ao público, coma o poético. Neste sentido, Anxo Lorenzo amosouse convencido da “importancia de favorecer a convocatoria de certames literarios que contribúan a recoñecer e a divulgar as voces dos nosos escritores e escritoras, que están a desenvolver unha produción literaria de gran calidade”.

A PREMIADA

Estíbaliz Espinosa Río (A Coruña, 1974) é poetisa e escribe tamén relato curto, tradución e ensaio desde o enfoque, como define a propia autora «nunha cultura única: a simbiose entre a Ciencia e as Humanidades, así como o eixe entre muller, tecnoloxía, palabra e ciencia». Licenciada en Socioloxía e en Filoloxía Hispánica, imparte charlas, cursos e obradoiros, actividades que compaxina coa música, como mezzosoprano e como compositora para a Orquestra Sinfónica de Galicia. Autora de seis libros de poemas, entre eles Pan (Premio Esquío 1999), -orama (Colección Tambo, 2002) ou Número e (Premio Espiral Maior de Poesía, 2001), algún dos seus poemas foron traducidos ao inglés, galés, español, catalán, xaponés, hebreo, alemán, macedonio ou parsi. Publica artigos e relatos en diversos medios de comunicación e na rede xestiona os blogues «mmmm…» e «Abra cápsula, por favor». Na súa obra mostra influencias moi variadas, desde a ciencia ata as artes plásticas, a música, as matemáticas ou a astronomía.  

O PREMIO

O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6000 euros. Comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello ou Olalla Cociña, gañadora da anterior convocatoria. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta