Temas: AMES

O galego, un idioma dos vivos e dos mortos

Por que non facer as despedidas dos nosos seres queridos en galego? O Concello de Ames presenta 'Galeg@ para sempre', campaña de fomento do noso idioma no ámbito funerario á que xa deron o seu visto e prace varios relixiosos.

Por Galicia Confidencial | Ames | 22/11/2017 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

¡Ti espera!, pois xuro
por Dios sacrosanto,
que si non morrer,
aquí hei de volver".
Morrer, non morreche...
i anque eu esperara...,
¡qué ben que compriche,
palabra que diche,
amor que tiveche!
Que os anos pasaron,
as frores mucharon,
os negros cabelos
en brancos tornaron;
e nunca máis, nunca,
¡poder dun querer!,
qixeches volver...
Vivir para ver.

Lápida en galego
Lápida en galego

Este poema de "As viuvas de vivos e as viuvas de mortos", de Rosalía de Castro, ven poería servir para describir unha lingua, o galego, que é unha lingua de vivos e de mortos; dos que están aquí e dos que están alá; dos que a falan e dos que a aman ou, simplemente, dos que a entenden, non a falan, pero saben que é a lingua do seus pais, dos seus avós, da súa cultura e do ser identitario que os conforma. Porque falar galego, hoxendía, ademais de ser un acto de valentía, é unha homenaxe a aqueles que a conservaron durante anos para que hoxe sexamos como somos.

Por iso, hai quen fai dese sentimento de pertenza a unha comunidade lingüística un ben prezado a defender, tanto de vivos, como de mortos. Por iso é de destacar a iniciativa "Galeg@s para sempre" que se presentará en Ames  o vindeiro 29 de novembro, unha campaña dirixida a fomentar a utilización do galego no ámbito funerario.   

A proposta busca tamén a implicación das empresas e os profesionais relacionados co sector para que garantan que quen queira dispor de servizos fúnebres en galego poida acceder a eles con normalidade.

MARCHAN SEN SER LEMBRADAS NA SÚA LINGUA

A tumba de Álvaro Cunqueiro, cunha lápida en galego
A tumba de Álvaro Cunqueiro, cunha lápida en galego | Fonte: Galipedia

“É curioso porque nun territorio galego falante coma o noso, as persoas que na súa vida falaron o noso idioma, non son lembradas en galego”. Deste xeito se manifesta Rosa Moreiras, normalizadora lingüística do Concello de Ames, que conta que nos sete ou oito cemiterios das parroquias amesás visitados polo departamento até o momento, non atoparon máis de dez lápidas en galego, entre elas as de Maximino Castiñeiras, poeta da Maía, que aparecerá nos folletos cos que se anuncie a campaña.

“Probablemente neses momentos difíciles non se pensa en moito máis que en que estamos despedindo a un ser querido, por iso é importante a implicación das empresas e de todas as persoas que teñen que ver cos trámites do pasamento”, salienta. 

MANUAL DE RECURSOS FUNERARIOS EN GALEGO

As técnicas da concellaría de Normalización Lingüística, responsable da campaña, mantiveron contactos con empresas do sector que se manifestaron dispostas a colaborar coa iniciativa e aplaudiron a iniciativa de elaborar un manual de recursos que axude aos profesionais funerarios e ás familias a facer as despedidas dos seus seres queridos en galego. Este manual, que tamén será presentado o 29 de novembro en Agrón, incluirá suxestións de lemas, frases para lápidas, ramos e coroas, e mesmo unha escolma de poesías para as cerimonias laicas. O manual estará tamén dispoñible na web para quen desexe descargalo.

Temas: AMES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta