Temas: MUGARDOS

Iniciativa Cidadá Mugardesa tamén decide abandonar o goberno do Concello

Á fronte da Alcaldía queda en solitario Pilar Díaz (EU-Os Verdes-SON), após a marcha de ICM e BNG.

Por Galicia Confidencial | Mugardos | 22/11/2017 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

Iniciativa Cidadá Mugardesa, grupo político con tres concelleiros no Concello de Mugardos (A Coruña), decidiu abandonar o goberno tripartito do que formaba parte desde hai algo máis dun ano —agosto de 2016 após unha moción de censura—, con Esquerda Unida-Os Verdes-SON e BNG.

Concello de Mugardos.
Concello de Mugardos.

Os seus integrantes decidiron abandonar o goberno local nunha asemblea desenvolvida desde as 20,00 horas do martes no seu local, onde os seus membros se postularon a "dar por roto" o acordo de goberno do que formaban parte. Así, convértese na segunda forza política que toma esta decisión, após anunciar tamén hai uns días o BNG que abandonaba o executivo presidido por Pilar Díaz (EU-Os Verdes-SON).

A través dun comunicado, aseguraron que "a pesar de ter proxectos importantes en marcha" e outros que "se van a materializar nos próximos meses", a metodoloxía de traballo e de "toma de decisións de forma unilateral por parte da Alcaldía" lévanlles "a tomar esta dura decisión".

Acusan a Pilar Díaz de aplicar "os métodos da vella política" e que coas súas decisións non se posibilita "implicar á veciñanza nas decisións que forman parte do presente e futuro da nosa vila".

LOGROS

Por parte do grupo liderado por César Pena destácanse algúns dos proxectos nos que traballaron nos últimos meses desde o goberno, como "a rehabilitación do Cinema Zárate, dos cascos antigos do Seixo e Mugardos, así como a reforma do mercado de abastos", ademais dos "primeiros Orzamentos Participativos pioneiros" no seu Concello e "que están xa listos para que sexan realidade".

Por último, aseguran que a súa posición política "será de continua colaboración para chegar a consensos, sempre que haxa vontade de diálogo".

O Concello de Mugardos, municipio situado na marxe sur da Ría de Ferrol, conta con trece concelleiros, sendo o grupo maioritario o do Partido Popular con catro edís, por tres de Esquerda Unida, mesmo número que ten Iniciativa Cidadá Mugardesa, dúas o BNG e un o PSOE.

En xuño de 2015 iniciouse a lexislatura con Juan Domingo de Deus (PP) como alcalde, que foi desposuído do bastón de mando o 12 de agosto de 2016 ao prosperar a moción de censura de EU-Os Verdes-SON, ICM e BNG, que totalizan oito concelleiros. Agora Pilar Díaz queda á fronte da Alcaldía cun executivo en minoría, con tres dos trece representantes públicos.

Temas: MUGARDOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 O Galiñeiro

Pero non sabían quen era Pilar Díaz? Cantos anos leva mamando do erario de Mugardos Pilar Díaz ? E agora é a máxima defensora de Reganosa como antes foi Barcia

2 Eu mesmo

Uns fenómenos os de Izquierda Unida. En Mugardos, en Ferrol, en Vigo. Nas vindeiras eleccións vanse cubrir de gloria!!!

1 Que Pena

O da iniciativa que naceu morta despois de dar a alcaldía ao PP un ano xa non se notaba moito a verdade que estivese gobernando ese grupo "liderado por Cesar Pena" (numero 4 da candidatura e que non saíu nas eleccións. A nova politica que ven do mais preguiceiro da vella. Con moita sorte sacan 1 nas proximas pero o normal é que queden en 0 como o seu traballo