Temas: EDUCACIóN

ANPE advirte do aumento de queixas de docentes por ameazas de pais

Piden unha "reflexión" á administración pola tendencia alcista nas cifras de conflitividade en idades temperás.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2017 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

O sindicato de profesores ANPE advertiu dun aumento nas queixas dos docentes galegos que solicitan amparo por acoso, insultos e ameazas de pais dos seus alumnos, e insistiu na tendencia alcista nas cifras relativas a expedientes disciplinarios abertos a estudantes de primaria e de FP Básica.

Entrada nun centro escolar
Entrada nun centro escolar | Fonte: xunta.gal

Así se desprende dos datos do 'defensor do profesor', un servizo de atención posto en marcha por esta organización fai xa once anos para tender a profesores con problemas de conflitividade e vítimas de situacións de acoso, ansiedade ou violencia escolar de todo tipo.

Entre os motivos principais denunciados polos docentes, ademais de faltas de respecto ou problemas para dar clase (un 28 e un 20 por cento das chamadas, respectivamente), a entidade quixo pór o foco no incremento de queixas por situacións de acoso ou ameazas das familias, que pasaron do 10 por cento o ano pasado ao 22 por cento do total neste período.

Julio Trashorras, do sindicato ANPE, apuntou casos de pais que tentan poñer a outros contra un profesor en concreto, ou proxenitores que acoden ao centro "en actitude belixerante" cada vez que existe un problema cos seus fillos, desautorizando aos docentes diante dos alumnos.

Estas situacións, alertou, afectan "á autoestima" e á consideración que o profesor ten do seu traballo. En concreto, o 86 por cento dos docentes que utilizaron o servizo presentaban cadros de ansiedade e a maioría correspondíanse coa etapa de secundaria (65%), aínda que cun peso importante en primaria (25%).

En paralelo aos problemas detectados a través da atención telefónica do profesorado, ANPE alertou do incremento de expedientes disciplinarios en idades temperás. En concreto, abríronse un total de 1.010 ao alumnado galego durante o curso pasado, a maioría de ESO (721). A pesar diso, os expedientes abertos en primaria practicamente duplicáronse entre o curso 2014-2015 e o anterior, pasando de 32 a 86.

FP BÁSICA E PRIMARIA: "UNHA VERDADEIRA PREOCUPACIÓN"

Julio Díaz, de ANPE, tamén considerou "alarmante" a situación rexistrada en FP Básica, a etapa con maior conflitividade en termos conceptuais, faltas de respecto "moi graves" e, en ocasións, "rozando a agresión".

"É unha verdadeira preocupación o que está a ocorrer en primaria e FP básica", insistiu Díaz, quen ligou esta situación coa desautorización ao traballo dos docentes por parte dalgúns pais, a desatención en casa ou un intento de trasladar exclusivamente a responsabilidade do proceso educativo aos centros de ensino.

O sindicalista esgrimiu datos trasladados pola Fiscalía de Menores que constatan un aumento do 12 por cento delitos relacionados con mozos de idades temperás entre 2015 e 2016, con case 600 casos de agresións de fillos aos seus pais.

"Todos os datos do 'defensor do profesor' están reflectidos na sociedade", insistiu Díaz, quen ve "necesario" que a administración asuma "unha reflexión" polo repunte de casos problemáticos nestas idades.

Os expedientes en primaria adoitan levar a sancións como "mandalos uns días a casa", clases de reforzo, sesións con orientadores ou cambios de centro, aínda que os profesores "fan o posible para non chegar a esas situacións". A pesar diso, Díaz destacou a "tranquilidade", en termos xerais, que predomina nos centros galegos en materia de conflitividade escolar, sobre todo en comparación con outros territorios.

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta